Nota de prensa
O PP de Mondoñedo critica que o goberno local vexa nas San Lucas un problema en vez dunha oportunidade
Os populares agradecen o traballo “desinteresado e arduo” da comisión de festas
O grupo municipal cre que a función dun rexedor non pasa só por anunciar os problemas na prensa senón que debe intentar liderar un proxecto que lle dea solucións á organización da feira
Mondoñedo, a 6 de setembro do 2011. O Partido Popular de Mondoñedo critica que o equipo de goberno da localidade vexa na Feira das San Lucas un problema “cando debe ser considerada como unha oportunidade”. Os populares fixeron estas declaracións a raíz da reunión celebrada onte en relación coa dificultade que xira en torno a organización das festas e convocada a través dun bando municipal.
O Partido Popular de Mondoñedo considera que As San Lucas son un dos “principais atractivos económicos, turísticos e culturais” cos que conta a cidade de Mondoñedo. Feito polo que a agrupación política local cre que o traballo do actual goberno municipal debe estar encamiñado “o mantemento e potenciación deste evento”.
Os populares queren dar as grazas a cada unha das comisións de festas encargadas de organizar e deseñar ano a ano os programas das San Lucas. Un traballo que dende a xunta local do PP definen como “desinteresado e arduo” o que conleva a débeda do pobo mindoniense con cada un dos ramistas. Así mesmo, dende o PP tamén recoñecen a boa disposición demostrada por parte da Asociación de Comerciantes de Mondoñedo, exemplificada en especial na figura do seu presidente.
Ante esta actitude de desencanto amosada pola coalición do BNG e o PSOE, o Partido Popular pregúntase cal é a diferenza entre a organización do mercado medieval que a cidade acolleu o pasado mes de agosto e a das San Lucas. Así os populares solicitan o compromiso do equipo de goberno e recórdanlle ao rexedor local, Orlando González Cruz, que a súa función é a de “liderar unha organización que traballe a prol das San Lucas e non dedicarse soamente a publicar na prensa os problemas sen procurarlles unha solución”.
O grupo municipal do Partido Popular cre que coa publicidade negativa que dende o goberno local están a facer sobre unha posible suspensión das San Lucas só conseguen facerlle “un fraco favor” a celebración do evento. Os populares aseguran que son moitos as persoas que organizan as súas vacacións e días libres en función das festas e a información que se está transmitindo dende o Concello “non é a máis conveniente”.
En definitiva, o Partido Popular de Mondoñedo pídelle ao alcalde que asuma a súa responsabilidade, que non pasa soamente por anunciar na prensa que hai un problema. Ao contrario, segundo os populares a función do rexedor é a de “cumprir co compromiso asumido e resolver os problemas”.