Nota de prensa:
MÁIS DE 200 LUCENSES CHAMARON AO TELÉFONO DE INFORMACIÓN Á MULLER NO PRIMEIRO SEMESTRE
No conxunto de Galicia, utilizaron este servizo 2.086 persoas, das que máis da metade teñen entre 45 e 65 anos.
As consultas máis frecuentes están relacionadas coa atención psicolóxica, recursos existentes e orientación xurídica.
As mulleres son as principais usuarias deste servizo, realizando 1.942 do total de consultas rexistradas en Galicia nos seis primeiros meses de 2011. Na maioría das ocasións, foron as propias persoas interesadas as que efectuaron a chamada, en 1.851 casos, mentres que 138 foron realizadas por familiares ou amizades e o resto de consultas procederon de profesionais, entidades e outros.
Por tramos de idade, o de maior demanda está na poboación de 45 a 65 anos, que concentra máis do 54% das chamadas. O tipo de información máis solicitada está relacionado coa atención psicolóxica, cun total de 959 chamadas, en moitos dos casos a propia muller é consciente da necesidade de atención especializada, pero no 6% das ocasións foron os profesionais do servizo os que identificaron a situación emocional da usuaria como tributaria de atención psicolóxica. A información sobre os recursos existentes constitúe a segunda gran área de consultas, con 389 chamadas, interesadas, por esta orde, nos servizos sociais e de saúde e nas asociacións que traballan neste ámbito. A área xurídica é a terceira en número de consultas, con 270, relacionadas co dereito de familia, o dereito penal e laboral, así como co acceso á xustiza gratuíta.
O equipo multidisciplinar de profesionais que atende este servizo resolveu directamente o 93% das consultas realizadas, derivando as restantes cara outros servizos, encabezados polos CIMs.
Atención telefónica en 51 idiomas
Para facilitar a asistencia tamén á poboación emigrante, o Teléfono de Información á Muller presta o seu servizo en 51 idiomas en 8 dos cales –galego, castelán, inglés, francés, alemán, árabe, romanés e chinés- está operativo as 24 horas de todos os días do ano, e nos 43 idiomas restantes de luns a venres, de 08.00 a 18.00 h.
As persoas interesadas poden acceder gratuitamente ao Teléfono de Información á Muller no número 900400273 ou a través do 012 da Xunta de Galicia, no que está integrado.