Nota de prensa
A Deputación fai rendibles as colleitas do millo aforrando custes de produción ós gandeiros da provincia
– José Fernández arranca a programación de cursos gratuítos ós gandeiros que a institución leva á Granxa Gayoso Castro de aquí a final de ano cunha pioneira xornada na provincia para acadar a máxima rendibilidade económica das 15.000 hectáreas de millo existentes en Lugo
– Lograr uns bos resultados nas colleitas deste produto conleva aforros de 238 euros por tonelada de millo ou 0,13 céntimos por litro de leite. A elección do día idóneo para levar a cabo ás colleitas varía o aforre por hectárea de millo entre 200 e 1.000 euros
– 30 profesionais coñeceron sen custe algún a data exacta na que deben levar a cabo as súas colleitas mediante o “laboratorio móbil” e visitaron o campo no que a Deputación estuda variedades de millo para incrementar o aforro nos custes de produción ós gandeiros
Segundo os prezos do mercado, un gandeiro gasta 280 euros na compra directa de 1 tonelada de millo mentres que se o sementa só ten que desenvolsar 42 euros é dicir, aforra un total de 238 euros por tonelada. Asimesmo, para producir 1 litro de leite precísanse 4 quilos de millo. Mercar esta cantidade supón un gasto de 0,28 céntimos por litro de leite. En contraposición, sementalo custa 0,15 céntimos/litro, ou o que é o mesmo, 0,13 céntimo/litro de leite menos.
Tendo en conta o importante aforro nos custes de produción que supón a semente directa do millo, a institución organizou esta pioneira xornada na provincia para acadar a máxima rendibilidade económica das colleitas. Un total de 30 gandeiros participaron na iniciativa coa que o organismo provincial lles amosou cal é o momento óptimo da recollida do millo. Este produto seméntase en maio. As colleitas deben realizarse en setembro, sendo imprescindible a elección do día idóneo para obter uns bos resultados. É que dita selección de data fai variar o aforre por hectárea de millo entre 200 e 1.000 euros.
“Laboratorio móbil”
A Deputación ofreceu sen custe algún ós participantes da xornada coñecer a data exacta na que deben levar a cabo as colleitas para un maior aforro nos custes de produción mediante un “laboratorio móbil”. Trátase dun innovador sistema empregado excepcionalmente en Asturias e Cantabria, que comeza a incorporarse a Galicia e que estrea a Deputación na provincia. Permite os gandeiros avaliar a proporción de amidón e o índice de materia seca co fin último de coñecer o grao de maduración das prantas para realizar as colleitas no momento idóneo. Os 30 gandeiros tiveron a oportunidade de empregar este sistema sen custe algo con ata 5 das súas propias variedades de millo.
A maiores, os participantes coñeceron “in situ” o campo de ensaio que a Deputación habilitou nas instalacións chairegas e onde plantou 2 hectáreas de distintas variedades de millo francés tales como Mas20, Mas25, Ornella, Falkone e Pollen co fin de estudar a súa calidade e a súa rendibilidade económica para un incremento na reducción dos custes de produción na actividade gandeira lucense.
Alternativas agrogandeiras
A última semana de setembro, a Granxa Gayoso Castro celebrará o seguinte curso desta programación gratuíta para traballadores do sector agrogandeiro. Será unha innovadora xornada na que os propios profesionais darán conta da diversificación e das alternativas da actividade gandeira como novas oportunidades económicas para o sector. Xa está confirmada a participación de produtores de leite ou ovos ecolóxicos, plantas aromáticas, gando cabalar, avícola ou melífera.
De aquí a final de ano, as instalacións chairegas acollerán un curso sobre riscos laborais nas explotacións gandeiras, outro de benestar animal e un último de tratamento de residuos para o seu aproveitamento e transformación en enerxía. Dende a posta en marcha desta programación no mes de abril, a institución celebrou outros 3 cursos nos que 100 profesionais lucenses cubriron a totalidades das prazas dispoñibles. Estes foron: Enerxías renovable; agricultura e gandeiría ecolóxica; e transporte de animal vivo, curso homologado que permitiu os seus 35 participantes acadar sen custe algún este permiso.
Centro de recría
A institución segue a executar as obras do 1º centro de recría público en España na Granxa Gayoso Castro. Logo de esperar máis de un ano a que a Xunta concedese a Declaración de Impacto Ambiental (DIA), documento imprescindible, o organismo provincial iniciou en abril a primeira fase deste proxecto para o que aporta 12 millóns de euros en solitario. Malia o aforre de custes ós gandeiros que supón un centro con capacidade para 3.000 novillas, permitindo a súa recría na Comunidade e non fóra, o Executivo galego rexeitou sumarse á iniciativa da Deputación. Nas instalacións chairegas, continúan os movementos de terras das 7 hectáreas –equivalentes a 5 campos de fútbol- nas que se estenderán 13 naves e 370 casetas de recría.