ANTONIO VEIGA PARTICIPOU NA ENTREGA DE PREMIOS DAS CARREIRAS DE CABALOS DE ANDADURA “EQUIOURO 2011”
A Área de Deportes colabora con este evento, e Antonio Veiga subliñou o compromiso da mesma para a futura creación dun circuíto de andadura galega no concello
O VALADOURO, 3 de setembro de 2011. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, participou esta tarde no Valadouro na entrega de premios aos vencedores e participantes nas carreiras de cabalos de andadura “Equiouro 2011”, que se celebrou hoxe en Ferreira do Valadouro organizada por APREVAL.
Os cabalos e poldros foron os protagonistas deste evento, e competiron ao longo do día en varias carreiras: a final do Campionato Galego de Andadura da Federación Hípica Galega, unha proba libre de Andadura con 6 modalidades diferentes, etc. De xeito paralelo, celebrouse nos establecementos hostaleiros do concello a VIII Ruta de Tapeo do Valadouro.
As probas deron comezo ás 10:00 horas e a xornada finalizou con esta entrega de premios e trofeos por parte das autoridades aos participantes nas carreiras e vencedores.