Se gaña o PP, acabaranse certas alegrías, haberá un control exhaustivo dos diñeiros públicos e o cinto apertará como nunca apertou ata agora. Se gaña o PP, os gobernos autonómicos terán que aceptar certas normas de comportamento político e desde logo estarán obrigados a controlar os seus gastos. Se gaña o PP, España será diferente. Sen dúbida.
E como mostra un botón: Aznar di no estranxeiro que “ o cambio de goberno non dará resultados milagrosos” e que farán falta reformas en Sanidade e Educación
Nunha entrevista concedida a Bloomberg e recollida polo Wáshington Post, o ex-presidente do goberno José María Aznar explica desde Italia, que a reforma constitucional, “pode ser a bala de prata a solución aos problemas españois”, pero explica que sobre todo, “é un paso importante, na boa dirección para transmitir unha idea, un compromiso de maior disciplina, máis estabilidade e maior confianza na economía española”.
E cuestionado polo xornalista sobre se o Euro pode ser observado como un fracaso, o ex-presidente do goberno contesta:
“Non estou de acordo con esa idea. O euro foi un gran éxito nos últimos dez anos. O Euro foi unha idea política moi forte e se o Euro fracasase habería un serio problema para o mundo. Considero que temos problemas nalgúns países da Unión Europea. Hai que tomar decisións políticas e económicas importantes pero creo que o Euro será unha moeda para o futuro.”
O xornalista David Tweed pregúntalle ademais se cre que o cambio de goberno servirá para arranxar os problemas dos españois: “O cambio de goberno é imprescindible para mellorar a situación -di Aznar-, pero non será para obter milagrosos resultados, aínda que é condición indispensable para tratar de mellorar a situación”.
Pero o mellor do asunto ben cando Tweed lle pregunta cales serían as reformas necesarias, Aznar contesta:
“Reforma do mercado laboral, non máis impostos, máis liberalización, máis privatización, máis disciplina autonómica, máis disciplina para a Administración pública, reformas no sistema sanitario e reformas no sistema educativo. É un paquete enorme e espero que o próximo goberno tome importantes decisións ás dúas ou tres semanas de ser elixido. Será decisivo para o futuro do país.
Será Rajoy capaz de facer esas reformas? pregunta o xornalista.
“Ten a capacidade de manexar a situación e converterse nun líder moi forte no país” -contesta.
O ex-presidente refírese tamén ao movemento do 15-M sinalando: “non é significativo os indignados, é marxinal e non representa a maioría nin unha minoría relevante para a maioría de España”.
Cospedal foi a primeira en dar pistas sobre o escenario que nos espera sen gana o PP. Ponse punto final ao gasto sen control, ao número esaxerado de asesores, á creación de empresas públicas que permitían dar salarios a persoas afíns; acábase a historia do banco de horas sindicais coas que se convertían en liberados a persoas próximas aos dirixentes dos sindicatos, acábase o coche oficial para calquera cargo de medio pelo, as oficinas gobernamentais espalladas por toda a xeografía, en moitos casos ocupadas por funcionarios ociosos.
Veñen momentos duros, nos que o absentismo sistemático, o conto das baixas por tensións, as subvencións aos sindicatos e a repartición de cargos en función dos intereses dos gobernantes van desaparecer do mapa. Haberá máis control sobre o gasto farmacéutico e nalgúns casos pagarán xustos por pagadores, como ocorrerá coas consultas médicas, pero non parece que haxa outro xeito de sacar a este país adiante, aínda que só de pensar no que se aveciña se gaña o PP dan ganas de saír correndo. O problema é que, onde vaiamos, atoparemos o mesmo rigor á hora de buscar acomodo ás nosas esixencias. O posto de traballo sería para o mellor formado, as subvencións -dadas con lupa- para quen as merecese, a atención sanitaria non sería totalmente gratuíta en todos os casos e a educación máis especializada habería que pagala.
Otero Regal