Nota de prensa
A MÚSICA FOLK E AS TORTILLAS ENCHERON ESTA FIN DE SEMANA DE FESTA O SAN CAETANO
Unha tortilla de spaguettis gañou o premio I+D+i e unha representación
do bosque encantado a mellor presentación
A xente máis nova desfrutou o primeiro día co festival folk no que
actuaron os grupos ‘Tumba e Dalle’, ‘Habelas Hainas’ e ‘Os Cuchufellos’
Pese á choiva, ducias de persoas subiron o domingo xantar ao entorno da capela
na tradicional romaría, que se pechou co baile do farolillo e unha chocolatada
Celeiro de Mariñaos, 15 de agosto.
Pese á choiva, un ano máis a parroquia barreirense de Celeiro de Mariñaos celebrou esta fin de semana o San Caetano. Foron dous días de música folk e gastronomía nunha das citas de referencia do verán na comarca. O mal tempo non logrou deslucir a festa, que mantivo todo o programa. No San Caetano deste ano non faltou, como vén sendo habitual, a música galega, o concurso de tortillas, os xogos para os máis pequenos e a verbena ata ben entrada a noite.
Pese ao mal tempo e como se facía de maneira tradicional, dende primeira hora da mañá do domingo foron moitos os grupos de familias e amigos que comezaron a colocar o as súas merendas no entorno da capela de San Caetano, que data do século XVII. Antes de xantar, e aproveitando a presenza das merendas, tivo lugar a XVI edición do Concurso de Tortillas. Este ano houbo premios á de mellor sabor, á máis innovadora, á mellor presentada e á mais grande. Tamén será premiada a merenda máis numerosa.
O premio I+D+i foi para unha tortilla de spaguettis e o galardón á mellor presentada foi para unha representación do bosque encantado. Non faltou tampouco a tortilla xigante elaborada pola comisión e que foi repartida de balde entre os asistentes, coma todos os anos. Está elaborada con 35 kilos de pataca, 14 ducias de ovos, 5 kilos de cebolas, 5 quilos de pimentos, touciño e chourizo e mide un metro de diámetro e 10 centímetros de grosor.
Pola tarde actuou a agrupación ‘Terra Brava’ do Incio, houbo xogos tradicionais para menos e maiores e un espectáculo de circo e malabares a cargo de Pista Catro Novo Circo para os máis pequechos. Pola noite a música correu a cargo da orquestra ‘Blanca Doble’ e a discoteca móbil ‘Supernova’. O San Caetano 2011 pechouse co xa tradicional baile do farolillo e unha grande chocolatada fin de festa.
UNHA FESTA PARTICIPATIVA
O San Caetano estase a consolidar como nunha das citas máis festeira e innovadora do verán na comarca da Mariña. Destaca ademais polo seu carácter participativo, onde se implica todo o pobo. O primeiro día, o sábado, a xente moza desfrutou dun programa que incluíu unha cea anticrise a prezos populares e un festival de música folk con tres actuacións de grupos galegos. Abriu a noite ‘Tumba e Dalle’ unha formación que aglutina a músicos da comarca procedentes de lugares como Barreiros, Rinlo ou Lourenzá. A continuación tomou o relevo ‘Habelas Hainas’, un grupo feminino de música tradicional procedente de Santiago. Pecharon a noite ‘Os Cuchufellos’, unha das formacións máis destadadas do panorama galego, procedente de Manzaneda, que será o prato forte da noite e coa que a festa está garantida.
O domingo foi o turno da romaría e o día máis familiar. A festa está organizada pola Asociación Veciñal e Cultural Irmandade San Caetano. A edición deste ano contou ademais coa colaboración de distintas institucións e varias firmas comerciais.
EN PROXECTO A RECUPERACIÓN DO ENTORNO DA CAPELA
A Asociación Veciñal e Cultural Irmandade San Caetano, que organiza a festa, naceu fai catro anos co obxectivo de servir de unión entre os veciños para realizar de maneira conxunta proxectos para o pobo. Dende entón, a asociación impulsou xa diversos proxectos, como a recuperación da capela, que contou cun orzamento de 11.000 euros para o seu revestimento e eliminación de humidades e 30.000 euros máis que foron destinados á recuperación do retábulo orixinal da capela, do século XVII e de estilo barroco, que se atopaba moi deteriorado. Tamén foi acondicionado o campo da festa, de 4.500 metros cadrados.
Neste momento a Irmandade San Caetano pretende recuperar o entorno da capela con capa vexetal e mediante a colocación de iluminación ornamental ao monumento, beirarúas de pedra, bancos, e peche perimetral de madeira. O proxecto está xa elaborado e terá un custo de 28.000 euros. A asociación está en busca do financiamento necesario mediante contactos con distintas institucións públicas.
Pero a Irmandade San Caetano ten ademais carácter de asociación veciñal e cultural e realiza outras actividades durante todo o ano na parroquia de Celeiro de Mariñaos. A programación inclúe a celebración do magosto, o entroido ou as Letras Galegas, así como exposicións, obras de teatro ou outras actividades. Este mesmo ano foron rehabilitadas as vellas escolas de Celeiro de Mariñaos para convertelas nun moderno centro sociocultural. Esta actuación contou cun investimento de 50.000 euros.