NOTA DE PRENSA
A sala municipal de exposicións do Conxunto Histórico-Artístico é o terceiro lugar do mundo onde se poderá ver esta retrospectiva, tras a India e Madrid
O CONCELLO E SARGADELOS TRAEN A GALICIA UNHA EXPOSICIÓN QUE AMOSA A INFLUENCIA DA MÍTICA ESCOLA DE ULM NO MUNDO DO DESEÑO INDUSTRIAL
? A exposición “Modelos de Ulm 1953-1968” é a primeira dunha serie de iniciativas que teñen previsto poñer conxuntamente en marcha nos vindeiros meses a empresa Sargadelos e o Concello de Cervo
Cervo, 3 de agosto de 2011.- Este mediodía tivo lugar na sala municipal de exposicións de Sargadelos a presentación para os medios da mostra “Modelos de Ulm 1953-1968”. Ao acto (previo ao da súa inauguración oficial que terá lugar mañá xoves ás 12.30 horas) acudiron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a concelleira de Cultura, Tania González e o presidente do grupo de empresas Sargadelos, José Luís Vázquez Montero; ademais do comisario desta exposición en España, Christoph Strieder.
Proxectos conxuntos
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, destacou o alto nivel da mostra e lembrou que as xestións entre o grupo de Goberno e a empresa cerámica para traer esta exposición a Sargadelos remóntanse á primavera. “Levamos traballando neste proxecto conxuntamente dende hai uns catro meses e penso que é algo que realmente merece a pena, porque non todos os días se pode ver unha mostra deste nivel na nosa comarca” recalcou Villares.
Ao fío disto, Tania González, responsable da área de Cultura no Concello, recalcou que a cooperación coa empresa Sargadelos está previsto que continúe de xeito fluído nas vindeiras datas. “Estamos traballando man a man para programar unha serie de actividades e iniciativas que verán a luz nos vindeiros meses” adiantou a concelleira cervense.
Ulm e Sargadelos, almas xemelgas
Segundo indicou Christoph Strieder, comisario da exposición para España, o feito de escoller Sargadelos como lugar para expoñer esta mostra estriba nos paralelismos que existen entre os postulados fundacionais desta escola de deseño alemán e o xerme da actual cerámica de Sargadelos. “Son dos lugares que intentan unir desde sus inicios lo intelectual, lo industrial y lo comercial. En este sentido se puede decir que Ulm y Sargadelos son almas gemelas” indicou o responsable da mostra en España. Pola súa banda, o presidente de Sargadelos, José Luís Vázquez, salientou a importancia desta mostra, a cal cualificou como “o complemento ideal” do obradoiro internacional de cerámica que se está a facer na fábrica cervense durante este mes.
Exposición
“Modelos de Ulm 1953-1968” explica o chamado “modelo de Ulm”, unha proposta educativa, democrática e revolucionaria, que ensinou a integrar deseño no proceso de produción industria, como parte dunha metodoloxía que inclúe a construción de produtividade e economía.
A exposición está organizada polo Arquivo HfG (Museo Ulm), co apoio do IFA (Instituto de Relacións Internacionais Alemaña) e da Embaixada de Alemaña en España e se presenta en Sargadelos tralo seu paso pola cidade india de Kolkata e do Museo Nacional de Artes Decorativas de Madrid.
Durante a súa existencia entre 1953 e 1968, a Escola de Deseño de Ulm (Hochschule für Gestaltung / HfG Ulm), Alemaña, foi unha das máis importantes do seu tipo. Tratouse dunha institución dedicada ao ensino, a investigación e o desenvolvemento no campo do deseño. O carácter interdisciplinario do seu programa e os seus ilustres fundadores e profesores (Otl Aicher, Inge Aicher-Scholl, Max Bill, Max Bense, Hans Gugelot, Tomás Maldonado y Gui Bonsiepe) atraeron a numerosos estudantes estranxeiros. A Escola de Ulm contribuíu a definir o papel do deseñador industrial profesional tal e como o coñecemos hoxe en día, preparou aos profesionais para enfrontarse con flexibilidade ás esixencias da tecnoloxía industrial e continúa influíndo no ensino do deseño a nivel mundial.
A mostra permanecerá aberta na sala municipal de Sargadelos ata o vindeiro 4 de setembro. O horario de visitas será de luns a venres de 10:00-14:30 h. e 17.00-21:00 h.