Nota de prensa
RINLO ACOLLERÁ O VINDEIRO SÁBADO A OITAVA FESTA DO PERCEBE. FERNANDO SUÁREZ SUBLIÑOU QUE ESTA CITA SERVIRÁ PARA POÑER EN VALOR A CALIDADE DUN POBO, DA SÚA XENTE E DA SÚA MANEIRA DE VIVIR.
Ribadeo, 3 de agosto de 2011. Rinlo acollerá o vindeiro sábado a oitava festa do percebe, un evento que servirá para poñer en valor a calidade dun pobo, dunha xente e dunha maneira de vivir, segundo o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor dixo que “con toda a ledicia e con toda a ilusión hoxe presentamos a nova edición da festa do percebe de Rinlo, que se celebrará o vindeiro sábado, nesta parroquia tan pequeniña, pero tan importante desde o punto de vista deste preciado manxar. Levamos xa varios anos dándolle un tratamento de festa e xa prácticamente ten un recoñecemento en todo o estado esta cita gastronómica”.
A oitava desta do percebe está organizada pola agrupación de percebeiras de Ribadeo e conta coa colaboración do Concello, da Deputación Provincial de Lugo e da Xunta de Galicia.
Suárez Barcia convida “a todos os veciños e veciñas de Ribadeo, da Mariña luguesa e do Occidente asturiano e a todos os turistas e visitantes que estes días enchen as nosas rúas a achegarse a Rinlo ao longo do sábado. A partires das 12 ábrese a venda deste manxar no porto de Rinlo e tamén nos bares e restaurantes da zona, porque todos queremos proxectar a imaxe de Rinlo a través dun marisco tan preciado e tan importante como é o percebe”. En total poderánse degustar ata 1.000 kilos deste produto.
O alcalde de Ribadeo engadiu que “queremos facer de Ribadeo e de Rinlo un lugar atractivo para o turismo. Coa festa do percebe queremos poñer en valor a calidade dun pobo, dunha xente, dunha maneira de vivir… como é o traballo duro, difícil e nunca agradecido que realizan as percebeiras, aínda que o prezo do produto nunca é baixo”. E insistiu en animar a todo o mundo a visitar Rinlo o sábado, “tamén teremos música e festa e poderán disfrutar desta parroquia tan bonita durante toda a xornada”.
Na presentación da festa do percebe de Rinlo participaron esta mañá o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Turismo, Ana Martínez, o concelleiro de Medio Ambiente e Medio Mariño, Horacio Cupeiro e a agrupación de percebeiras da cofraría de pescadores de Ribadeo.