O Diario Oficial de Galicia publicará esta semana a orde de creación da zona de reinstalación dos moluscos das zonas C
Unha vez publicada a orde, as confrarías interesadas poderán trasladar os moluscos das zonas C á zona de reinstalación para a súa depuración e posterior venda en fresco
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, amosou, por unha banda, a súa satisfacción pola acollida desta nova fórmula e, pola outra, lamentou que outras confrarías non estean conformes
A titular de Mar lembrou que coa reinstalación se dá un trato máis igualitario ás confrarías permitindo que todos os mariscadores de Galicia teñan a posibilidade de rexenerar zonas e de producir máis
Declaracións da conselleira do Mar, Rosa Quintana, valorando o plan de reinstalación de moluscos
*
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, valorando a acollida do plan de reinstalación dos moluscos
Santiago, 1 de agosto de 2011.- O Diario Oficial de Galicia publicará esta semana a orde de creación da zona de reinstalación dos moluscos das zonas C no porto de Morás, no termo municipal de Xove. Unha vez publicada a orde, as confrarías interesadas poderán trasladar os moluscos das zonas C á zona de reinstalación para a súa depuración e posterior venda en fresco. Para iso, as confrarías poden solicitar xa a autorización da Consellería do Mar para proceder ao traslado do molusco.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, valorou hoxe a boa acollida deste plan de reinstalación dos moluscos que o seu departamento presentou ao sector o venres. Amosou a súa satisfacción polo interese amosado pola maior parte de confrarías por esta nova fórmula segundo lle confirmaron dende a propia Federación Galega de Confrarías.
Por outra banda, a conselleira lamentou que haxa outros pósitos coma o de Ferrol, Barallobre e A Coruña, que manifestaron non estar conformes co plan e amosouse sorprendida ante as declaracións dos mariscadores que aseguran que os seus bancos non están en condicións de seren traballados. Neste sentido, a conselleira lembrou que nesas confrarías a Xunta leva invertidos máis de 44 millóns de euros destinados a vixiancia e recuperación das zonas de produción clasificadas como C.
A conselleira lembrou que esta nova fórmula “dá un trato máis igualitario” permitindo que todos os mariscadores de Galicia de confrarías que contan con zonas C teñan a posibilidade de rexenerar zonas e de producir máis. O obxectivo, incidiu, é ser capaces de ocupar unha cota de mercado dunhas 450 toneladas de moluscos que se estaba perdendo e de pór a disposición dos consumidores un produto coas máximas garantías de calidade. Deste xeito, salientou, volverase falar do marisqueo como unha actividade profesional na que se van xerar postos de traballo.