Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Foz non entende como o alcalde pode defender que o su concello quede cunha única ambulancia

Nota de prensa

O PSOE DE FOZ NON ENTENDE COMO O ALCALDE PODE DEFENDER QUE O SEU CONCELLO QUEDE CUNHA ÚNICA AMBULANCIA QUE DÁ SERVIZO A TODA A MARIÑA

-Sixto Legaspi asegura que “é indignante ver que o noso alcalde xustifica esta medida antes de defender os intereses dos seus veciños”

-Subliñan que “se a única ambulancia que queda está de servizo noutro concello, os veciños de Foz non terán como ser trasladados ó hospital”

A Agrupación Socialista de Foz, ante as declaracións vertidas ós medios polo alcalde, Javier Castiñeira, sobre o recorte dunha ambulancia a partir do mes de setembro no seu Concello, sinalan que “é lamentable que o señor Castiñeira non se de conta a estas alturas que é o alcalde de Foz, o alcalde de tódolos veciños e non un representante da Xunta de Galicia”.

Luis Alfonso Sixto Legaspi, secretario xeral dos socialistas de Foz, asegura que “é indignante ver que o noso alcalde recoñece a eliminación dunha ambulancia no seu concello e aínda o xustifique. O goberno autonómico está recortando máis ca nunca prestacións e servizos sanitarios e a súa defensa non é máis que un acto de irresponsabilidade política do señor Castiñeira. O que ten que facer é defender os intereses dos seus veciños ante todo”.

Os socialistas afirman que “é verdade que a día de hoxe hai unha ambulancia medicalizada e outra ordinaria e que será esta última a que non estará de servizo durante doce horas ó día. O señor Castiñeira defende que aínda que se suprima este servizo nocturno queda unha ambulancia as 24 horas. O que non se di é que o vehículo medicalizado de Foz dá servizo a toda a Mariña, ou sexa que se a partir de setembro un veciño de Foz se pon enfermo pola noite e a única ambulancia de servizo está atendendo outra urxencia noutro concello, o veciño de Foz non terá como ser trasladado ó Hospital e atendido canto antes. É unha auténtica vergonza que o alcalde de Foz aínda teña argumentos para defender esta decisión e non faga nada para evitalo”.

Sixto Legaspi engadiu que “ó mesmo tempo que se anuncian recortes en servizos sanitarios tan necesarios coma este poñendo por disculpa a política austera á que se ten que someter a Xunta pola situación económica, comunican ós medios subvencións e axudas a entidades que non teñen ningunha función ou que poden esperar, como os 12.000 euros que recibirá a mancomunidade de municipios de A Mariña co único obxectivo de fomentar o asociacionismo municipal. ¿Non sería mellor recortar este tipo de gastos que non son tan necesarios e manter, ante todo, os servizos sanitarios dos que dependen as vidas de moitas persoas?”.

Exit mobile version