Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo non entende a contratación de tres novos socorristas sen que sexa un pago de favores

Nota de prensa

MÉNDEZ NON ENTENDE A CONTRATACIÓN DE TRES NOVOS SOCORRISTAS A MEDIADOS DE AGOSTO SEN QUE SEXA UN PAGO DE FAVORES

-Destaca que “o servizo de socorrismo estaba máis que ben dotado e tendo en conta, que este verán a climatoloxía non nos está acompañando, é totalmente inoportuno o gasto que pode supoñer esta medida”

-A socialista lamenta que “non se traballe co mesmo esforzo para lograr as bandeiras azuis, cando son un reclamo importante para turistas e visitantes. Este ano, grazas á pasividade do señor alcalde, non se logrou ningunha”

CERVO, 11 DE AGOSTO. O Concello de Cervo vén de anunciar a contratación de tres socorristas cando este verán o municipio contaba xa cun total de 17 vixiantes. A voceira do Grupo Municipal Socialista, Lara Méndez asegura que “nestes momentos complicados, os esforzos de calquera administración para a creación de emprego son ben recibidos, pero entendemos que agora mesmo, correndo xa o mes de agosto, non é momento de reforzar o servizo de socorrismo nas praias de Cervo”.

Méndez lembra que “nunca houbo tantos socorristas coma este ano, suman en total 17 e con estes tres novos pasarán a ser 20. O servizo que temos estaba máis que ben dotado e tendo en conta, que a climatoloxía, por desgraza, este verán non nos está acompañando, é totalmente inoportuno o gasto que pode supoñer esta medida”.

A socialista subliña que “podería ser entendible a contratación de persoal noutros servizos, para paliar o desemprego e cubrir necesidades do Concello, pero agora mesmo o número de socorristas que tiñamos contratados era máis que suficiente e non se entende esta decisión a non ser que sexa un pago de favores a algúns militantes ou simpatizantes do Partido Popular”.

Pasividade polas bandeiras azuis

Lara Méndez sinala que “é unha pena que non se traballe con ese mesmo empeño na procura das bandeiras azuis. Nalgúns anos chegamos a lograr tres bandeiras azuis e este verán, grazas á pasividade do rexedor municipal, pasamos a ter cero. É a primeira vez, dende hai moitos anos, que non se recibe ningunha, o que demostra unha vez máis a falta de preocupación do señor Villares polos temas do Concello e o seu seguemento”.

A portavoz dos socialistas de Cervo engadiu que “nun concello coma o noso no que o turismo e un motor importante para a economía do sector servicios e a hostelería , as bandeiras azuis son un reclamo indiscutible para turistas e visitantes, pero o señor Villares non é capaz nin de conseguir bandeiras azuis nin de manter as logradas en anos anteriores. A falta de esforzo e abandono no que se encontran as nosas praias non ten outro responsable que non sexa o señor Villares”.

Exit mobile version