NOTA DE PRENSA
Múltiples irregularidades: O Concello non dispón de contabilidade a pesar de destinar 40 mil euros para contratar unha empresa externa que debería ter feito estes traballos, ademais o alcalde levantou un reparo de intervención pese a non ter competencia para facelo, pois correspondía ao Pleno
O PP ASEGURA QUE O ALCALDE PODE TER INCORRIDO EN RESPONSABILIDADE PENAL E ADMINISTRATIVA POLO REITERADO INCUMPRIMENTO DAS OBRIGAS CONTABLES
o Os populares xa pediron acceso a toda a documentación emitida pola intervención municipal e reclaman ao alcalde que, se non é capaz de xestionar o Concello, dimita de xeito inmediato.
Mondoñedo, 10 de agosto de 2011.- A portavoz municipal do Partido Popular de Mondoñedo, Elena Candia, quixo facer unha primeira valoración de urxencia despois de coñecerse por diversas informacións xornalísticas -corroboradas polo propio alcalde- a existencia de múltiples irregularidades nas que incorreu o Goberno bipartito local en relación coa contabilidade municipal.
Os populares aseguran que o bipartito pon en grave risco á institución local posto que a situación económica esta cada día peor como consecuencia da nefasta xestión do Goberno municipal. Desde o PP consideran incomprensible que o Concello non dispoña de contabilidade municipal a pesar de ter destinado 40 mil euros para pagar a unha empresa externa que debería ter feito este traballo e que, por riba de todo, foi contratada en fraude de lei.
A portavoz popular, Elena Candia, xa pediu acceso a toda a documentación emitida pola intervención municipal, así como ao conxunto dos expedientes e datos contables e ás distintas resolucións do Equipo de Goberno emitidas ao efecto. Os populares non descartan incluso que o propio alcalde poida ter incorrido en responsabilidade penal e administrativa por estes feitos e nomeadamente, por extralimitarse das súas competencias ao levantar un reparo de intervención sobre o que lle correspondía decidir ao Pleno municipal e non á Alcaldía.
Finalmente o PP de Mondoñedo pide ao alcalde que deixe de enganar aos veciños escudándose en que “non entende de temas económicos”, cando segundo a información coñecida son múltiples os informes de intervención que lle advertían desta grave situación. Os populares van aínda máis lonxe e reclaman a súa dimisión, por canto si está a recoñecer que se ve superado polos feitos, e non se ve capaz de ofrecer solución algunha a estas irregularidades, o mellor é que se marche.