NOTA DE PRENSA
Cualifica a iniciativa dos socialistas do Valadouro como inxerencia intolerable non exenta de importantes doses de falta de respecto institucional
EMILIO LOUSAS ACOLLE CON SORPRESA QUE SEXA O PSOE DO CONCELLO VECIÑO QUEN SOLICITE O PECHE DO COLEXIO LOCAL DE ALFOZ
o Empraza ao PSOE de Alfoz a que dea conta da súa posición ante a veciñanza e non se comporte como un mero títete incapaz de defender os intereses dos seus veciños.
Alfoz, 13 de agosto de 2011.- O rexedor municipal de Alfoz, Emilio Lousas, acolleu con sorpresa a petición realizada polo PSOE do concello veciño do Valadouro que reclamará en pleno o peche e desaparición do colexio de Alfoz e o traslado de todo o alumnado ao colexio do Valadouro.
O mandatario popular sinalou que é un feito inaudito que unha corporación municipal distinta da de Alfoz, teña que pronunciarse sobre unha cuestión tan importante que non afecta aos seus veciños, senón aos do concello de ao lado. Nese senso cualificou a proposta como unha inxerencia, non exenta de altas doses de falta de respecto institucional e de intento de decidir o futuro dos servizos deste concello desde instancias distintas ás que lle corresponde adoptar este tipo de decisións.
QUE O PSOE DE ALFOZ TOME POSICIÓN
Emilio Lousas emprazou finalmente a tomar posición aos socialistas de Alfoz, que ata o momento gardan silencio. O primeiro edil popular dixo que a veciñanza quere coñecer cal vai a ser a posición do PSOE respecto desta proposta que implica a desaparición do colexio público local.
O rexedor popular lamentou que os socialistas de Alfoz non sexan máis que un títere tutelado desde o concello veciño algo que se amosa ben ás claras, con iniciativas como esta, e noutras moitas ocasións, nas que os socialistas de Alfoz ou están ausentes o directamente renuncian a defender os intereses dos seus veciños.