Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz non cumpre a sentenza que anulaba o estudo detalle da rúa Cemiterio, asegura o BNG

Nota de prensa

O BNG AFIRMA QUE O CONCELLO NON CUMPRE A SENTENZA QUE ANULABA O ESTUDO DETALLE DA RÚA CEMITERIO

Tanto PP como PSOE e Unifoz seguen a defender intereses urbanísticos ocultos

Foz, a 1 de agosto de 2011.- O BNG de Foz foi o único que votou en contra da modificación do estudo detalle da Rúa Cemiterio tratada en pleno este mes. O PP e o PSOE votaron a favor mentres Unifoz abstívose.

Este estudo detalle fóra anulado anteriormente por sentenza do TSXG por considerar que non se axustaba ao planeamento urbanístico do Concello de Foz, alterando as aliñacións que proxectaba os seus efectos e consecuencias sobre parcelas situadas fronte ao parque infantil de Marzán. A raíz disto, a sentenza anulaba tanto o estudo detalle en cuestión como o proxecto de urbanización da Rúa Cemiterio. Por iso non se entende que non se fixera un novo estudo detalle e só se modificara o existente que é nulo por sentenza, argumento que puxo enriba da mesa o partido de Xaime Cancio pero que finalmente se abstivo sen ningunha explicación.

Dita sentenza dálle a razón ao BNG cando no seu momento se aprobara este e outros estudo detalle similares no sentido de que os estudos detalle no Concello de Foz estábanse a utilizar para alterar o planeamento e aumentar a edificabilidade de determinadas parcelas, cousa totalmente ilegal. Por este razón solicitamos a revisión de oficio por parte do Concello de todos os estudos detalle que están na mesma situación.

Para o BNG, coa aprobación desta modificación do estudo detalle non se está a cumprir a sentenza posto que a execución da mesma debe levar consigo –segundo a Lei do Solo- por parte do Concello de Foz non só a anulación deste estudo detalle senón a revisión de oficio de cantos actos administrativos foran dictados, en canto instrumento de planeamento, baixo o amparo e en execución das determinacións do estudo detalle anulado. Revisión de oficio que necesariamente, e isto é o importante, terá que alcanzar tamén ás licenzas de obra maior que autorizaron a construcción dos edificios que na actualidade se levantan sobre parte dos terreos incluídos no ámbito do citado estudo detalle. Isto, loxicamente, ben como consecuencia necesaria da anulación do estudo detalle que confería cobertura aos actos de execución do planeamento que en forma de licenzas de obra foron dictados por parte do Concello.

Está claro que todos os grupos políticos representados no Concello, excepto o BNG, queren pasar por alto as sentenzas xudiciais e seguir mantendo a situación urbanística actual, unha situación que como se está a comprobar traspasa en moitas ocasións a legalidade vixente. Tanto PP como PSOE e Unifoz certifican unha ilegalidade mirando para outro lado á hora de executar a sentenza e levala ata as últimas consecuencias. ¿Que intereses ocultos existen para non facelo? Desde logo os intereses urbanísticos de Foz non.

Exit mobile version