Nota de prensa:
A gran afluencia de xente aos areais do municipio durante este mes motivou a incorporación de máis persoal
O CONCELLO DE CERVO REFORZA O SEU DISPOSITIVO DE VIXILANCIA NAS PRAIAS E NAS ZONAS DE BAÑO COA CONTRATACIÓN DE TRES NOVOS SOCORRISTAS
Deste xeito o Concello dispón de 20 persoas no servizo de prevención nas zonas e instalacións de baño do municipio, tanto nas praias como nas instalacións de Río Cobo
Estas contratacións permitirán ampliar o horario das piscinas ao aire libre de Río Cobo, que só estaban abertas ao público polas tardes e a partir de agora ampliarán tamén o seu horario en quendas de mañá e tarde
Cervo, 9 de agosto de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o delegado de Protección Civil e Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, anunciaron hoxe a contratación de tres novos socorristas para o que queda deste verán. Segundo Soto, esta contratación ven a reforzar o servizo de socorrismo e vixilancia nas praias e nas zonas de baño do municipio, o cal cualificou coma “máis que óptimo”.
Ata o momento, o Concello dispoñía de 7 socorristas a xornada completa e 10 máis con contrato do 75% da xornada. Agora hai que engadir estas tres novas contratacións. “O que vimos a facer é reforzar aínda máis, se cabe, este servizo de prevención que consideramos básico para poder cubrir a atención de toda a xente que está acudindo durante estes días ás nosas praias e ás nosas zonas de baño” recordou o responsable local de Protección Civil.
Afluencia de xente
Pola súa parte, o mandatario local sinalou que o Goberno local decatouse dunha afluencia de público durante este mes superior á que houbo en xullo “e este foi un dos motivos que nos fixo adoptar esta decisión; ademais da nosa intención de reforzar e ampliar a oferta de uso das piscinas ao aire libre que temos en Río Cobo”. Neste senso lembrou que ata o de agora estas instalacións de Río Cobo permanecían abertas ao público en horario de tarde, “pero coa contratación destes tres novos socorristas poderemos ampliar o seu horario de utilización tamén ás mañás” dixo Villares.