Nota de prensa do grupo municipal do PSdeG PSOE de Burela
O Concello de Burela convocou unha praza de orientador/a laboral sen axustarse ás bases reguladoras publicadas no DOG o 14 de xaneiro de 2011.
Esta é unha praza subvencionada polo Fondo Social Europeo (80 %) e a Xunta de Galicia (20%) e debe adaptarse a Orde do 31 de decembro de 2010, onde se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego.
Nesta Orde aparecen todos os requisitos que se deben cumprir para convocar a praza de orientador/a laboral. Nela aparecen especificadas, claramente, as titulacións académicas esixidas para participar no proceso de selección e o correspondente baremo. E di: titulación de Psicoloxía (2.5 puntos), Pedagoxía (2.5 puntos), Psicopedagoxía (2.5 puntos), Socioloxía (2.5 puntos), Educación Social (2 puntos), Traballo Social (2 puntos) e Diplomado de Relacións Laborais ou Graduado Social (2 puntos).
A convocatoria feita polo Concello de Burela exclúe as licenciaturas de Psicoloxía e Psicopedagoxía, sen que haxa ningunha razón que o poida xustificar.
Esta decisión discrimina claramente ós profesionais destas titulacións, ao mesmo tempo que desvirtúa e despreza o proposto na orde reguladora, amosando un flagrante incumprimento da lei.
Como non hai unha base obxectiva para eliminar estas titulacións, hai que pensar que sí hai base subxectiva, e que se trata de beneficiar a alguén intencionadamente, rachándose o principio de acceso á función pública: igualdade, mérito e capacidade; sendo isto moi grave.
Instamos ao Concello para que rectifique as bases da convocatoria, e inclúa estas titulacións. O contrario sería motivo de impugnación. Informarase desta decisións ós colexios profesionais destas titulacións, para que tomen as medidas oportunas.
Agardamos por hixiene política que os responsables de redactar as bases da convocatoria, respondan publicamente da súa decisión