Nota de prensa
O CONCELLO RECIBIU UNHA SUBVENCIÓN DA XUNTA DE MÁIS DE 145.000 EUROS PARA AXUDA NO FOGAR A PERSOAS VALORADAS COMO DEPENDENTES PARA ESTE 2011. DIANA DURÁN ACOLLE DE XEITO MOI POSITIVO ESTA RESOLUCIÓN.
Burela, 19 de agosto de 2011. O Concello de Burela ven de recibir da Xunta unha subvención de máis de 145.000 euros en concepto de axuda no fogar a persoas valoradas como dependentes para este 2011, segundo anunciaba esta mesma mañá a concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, Diana Durán.
A edil popular acolle de xeito moi positivo esta resolución da Xunta a través do Plan Concertado “xa que supón un incremento case dun 25% da cantidade percibida respecto ao ano 2010, cifra que indubidablemente repercutirá na atención directa ás persoas en situación de dependencia atendidas dende o Concello, así como na calidade de vida das mesmas”.
Diana Durán advertiu que “no ano 2009 o goberno municipal do bipartito deixou pasar 49.460,24 euros que tivo que asumir o Concello como remanente a incorporar no exercicio 2010, repetindo a mesma penosa operación o ano pasado, dado que existe un remanente para o presente ano de 38.547,97 euros para o servizo de axuda no fogar para persoas dependentes”. Á concelleira de Servizos Sociais parécelle “incomprensible este xeito de proceder, xa que as persoas castigadas con ese goberno bipartito irresponsable foron as dependentes, que deben ser prioritarias en todo tipo de actuacións sexa o goberno do color que sexa”.
Durán engadiu que “o Concello de Burela ratifícase na consecución do obxectivo principal deste servizo, que sen lugar a dúbida pasa pola prestación dun conxunto de actuacións levadas a cabo no domicilio das persoas en situación de dependencia, co fin de atender as necesidades básicas da vida diaria e incrementar a súa autonomía, posibilitando a permanencia no seu entorno habitual”.