O CANTEIRÁN MANU DEFENDERÁ AS CORES LARANXAS NA SEGUNDA DIVISIÓN
O canteirán Manu Jiménez defenderá as cores laranxas na Segunda División. O ala burelao, de 18 anos, foi presentado onte pola tarde na sede do club polo xerente da entidade, Fernando López Otero, tras a formalización do acordo.
O burelista afronta “con moita ilusión” a súa primeira tempada como sénior no equipo. “Estes dous últimos anos foron de formación; aprendín moitísimo tanto dos compañeiros coma dos minutos de xogo” dixo Manu facendo referencia á súa época de xuvenil. “Estou preparado para asumir esta nova etapa sen presión porque os compañeiros sempre me trataron coma un máis do equipo. Confío en realizar unha boa tempada tanto persoal coma colectivamente; esforzareime para entrar nas rotacións” afirmou o deportista con seguridade. O ala mariñán tamén falou das boas vibracións que lle transmite o novo proxecto: “Temos un vestiario de calidade, mantendo a boa relación do grupo do ano pasado; espero que a unidade do cadro se poida plasmar na pista” dixo o novísimo xogador.
Dende a entidade, Fernando López destacou a continuidade de Manu como un “claro reflexo da decidida aposta que dende o club se está realizando pola base”. “Á súa condición de promesa súmase o feito de que é un deportista da casa. Estamos moi satisfeitos coa súa progresión; soubo aproveitar estas dúas tempadas co equipo sénior para ter a oportunidade de seguir medrando neste deporte” dixo o xerente.