Nota de prensa
PARDEIRO VOLVERÁ CONTAR CON COA CADETE SILVIA RUBAL NO PRIMEIRO EQUIPO
O técnico do Burela FS Pescados Rubén, Javier Pardeiro, volverá contar coa promesa máis nova do equipo da Primeira División para 2011-12, coa cadete Silvia Rubal.
Silvia, que se incorporou oficialmente ao primeiro cadro a mediados da tempada pasada, transmitiu a súa ledicia por ter “unha nova oportunidade de seguir aprendendo co Burela FS Pescados Rubén”. “Tiven un ano marabilloso, estiven moi a gusto; os consellos tanto do adestrador coma das compañeiras servíronme de moito e incluso puiden gozar dalgún minuto” dixo a cadete, que espera “manter esta liña”.
Pardeiro destacou “a enorme capacidade de traballo e incrible evolución” da novísima xogadora. “Esta tempada non marcaremos obxectivos moi específicos; o importante é que Silvia se vaia formando fisicamente, xa que está moi lonxe do seu máximo nivel, e profunde no coñecemento do xogo para ter unha base sólida” explicou o estratega laranxa, que fixo especial fincapé na aposta do CD Burela FS pola formación feminina: “O club traballa dende hai tempo no impulso e fortalecemento da base feminina. Sen ir máis lonxe, no curso pasado, Claudia realizou un brillante labor co equipo infantil; obtivo uns avances inimaxinables con rapazas que daban os seus primeiros pasos neste deporte”. ”Este é o camiño axeitado” concluíu o adestrador burelista.