Nota de prensa
Concentración convocada polo BNG , ante a Delegación de Facenda en Foz contra a reforma da Constitución
O BNG levará ao Parlamento unha emenda á totalidade desta proposta e pedirá un referendo
A Mariña, 31 de agosto de 2011. O BNG organizou para a xornada de onte concentracións en tódalas cidades e vilas galegas en contra de reforma da constitución pactada polos dous grandes partidos do estado. Na Mariña a concentración tivo lugar hoxe diante da Delegación de Facenda en Foz á que asistiron, ademais de moitos cidadáns, simpatizantes, afiliados e cargos orgánicos e institucionais do BNG.
En relación a esta reforma, Federico Gutiérrez Estoa, alcalde de Riotorto e lector do manifesto anunciou que o BNG presentará unha emenda á totalidade desta proposta que se debate hoxe na cámara baixa. Para Estoa “este é un claro ataque contra Galiza e o resto das comunidades autónomas xa que esta modificación tira por terra a autonomía financeira das autonomías”. O BNG é contrario a esta reforma “tanto polo fondo como pola forma” e lembraron que “en todo o período democrático a constitución foi intocábel e agora PP e PSOE propoñen unha reforma express para renunciar á soberanía política diante dos mercados”.
Para o BNG trátase dunha reforma “antidemocrática, antisocial, e neoliberal”. Segundo os nacionalistas a modificación suporá “converter nun principio constitucional un dos principios dogmáticos da dereita política e económica que pasa porqué a eliminación do déficit público sexa un fin en si mesmo” e engadiron que na práctica “esta reforma vai a deixar fora do marco constitucional as políticas de esquerdas dirixidas á reactivación da economía a través do gasto público”.
Recentralización do poder político
Pola súa banda Antonio Veiga Outeiro, responsábel comarcal e Vicepresidente da Deputación de Lugo afirmou que esta reforma “é totalmente centralista e fará totalmente inviábel que as comunidades autónomas sigan avanzando cara a autonomía fiscal.” Para o BNG con esta reforma “frease claramente o avance cara o autogoberno” e, segundo Antonio Veiga e Federico Gutiérrez Estoa, “PP e PSOE impulsarán políticas que potencien, de novo, a centralización do poder político”. Esta medida “volve limitar a capacidade real de autogoberno de Galiza ao limitar a capacidade de gasto das comunidades autónomas”.