Nota de prensa:
O BNG FELICÍTASE AO SER APROBADA POR UNIMINIDADE A SÚA PROPOSTA DE ALEGACIÓNS AO GASODUTO DA MARIÑA. OS NACIONALISTAS CONSIDERAN QUE A PARTICIPACIÓN VECIÑAL FOI DETERMINANTE NESTE PROCESO PARA CHEGAR AO CITADO ACORDO.
Barreiros, 19 de agosto de 2011. Esta mañá celebróuse no Concello de Barreiros o pleno extraordinario solicitado polo BNG, co apoio do PSOE, para tratar unha moción relativa as alegacións a presentar ao proxecto do gasoduto da Mariña Lucense Ribadeo-Viveiro.
As propostas do BNG de que o Concello de Barreiros presente, por unha banda, as alegacións correspondentes a este proxecto para paliar os efectos negativos que o trazado previsto puidese causar nos bens dos veciños e por outra banda, que o Concello asuma como propias as alegacións presentadas polos veciños, foron aprobadas unánimemente. A portavoz municipal do BNG afirmou que “é unha mágoa que o grupo de goberno do Partido Popular non liderase dende o primeiro momento as reivindicacións veciñais”. Ana Ermida tamén criticou “o feito de ter que chegar á celebración dun pleno extraordinario solicitado polo BNG, cando a convocatoria de pleno tiña que ter partido do propio goberno local, máxime cando o Concello era coñecedor do proxecto desde o 1 de xullo de 2011, data en que a Delegación do Goberno na Coruña lle remitíu copia do proxecto ao Concello”.
Desde o BNG de Barreiros felicítanse que se chegara ao acordo unánime en defensa dos intereses veciñais, e agradece tamén a participación veciñal tanto na asistencia a este pleno como na participación nos diversos actos informativos realizados polo BNG durante este mes. O concelleiro Antonio Veiga cre que “ésta é unha fórmula para traballar que se debe prorrogar en sucesivos plenos ou en sucesivos asuntos que sexan de interés municipal. Para nós é moi bó ver á xente no salón de plenos que ao mellor nunca fora a unha sesión e que a raíz deste problema saiu moi contenta, ademáis neste caso cando as tres forzas políticas reman no mesmo sentido”.
Desde o BNG agárdase tamén que estas alegacións prosperen e que o trazado sexa modificado para minimizar o impacto desta infraestrutura nas propiedades dos veciños, infraestrutura que conta con 26.391.821 euros e que vai executar GAS NATURAL. Ana Ermida recalcou que “nesta última fase vai ser determinante a implicación que teña o concello de Barreiros na defensa e seguimento destas alegacións”.