Nota de prensa
O BNG DENUNCIA QUE O CONCELLO DE BARREIROS UTILIZA PERSOAL MUNICIPAL PARA A LIMPEZA DOS RESTOS DE FESTAS QUE ORGANIZAN EMPRESAS PRIVADAS.
Barreiros, 11 de agosto de 2011. O BNG denuncia que o Concello de Barreiros utiliza persoal municipal para a limpeza dos restos de festas que organizan empresas privadas. As veciñas e veciños da zona na que se realizan as festas sorpréndense pola autorización dun espectáculo deste tipo nunha zona na que abundan as vivendas vacacionais para o descanso.
Desde o BNG de Barreiros sinalan que “nas últimas semanas véñense realizando na praia de Coto unha serie de espectáculos de orquestras e discoteca móbil promovidos por unha empresa privada. A realización destas festas ten lugar nun terreo alugado polo Concello de Barreiros e éste pon a disposición da empresa o persoal municipal, que os venres pola mañá se adica a recoller os restos da festa”.
Para o BNG “non é de recibo que o Concello se adique a prestar persoal a empresas privadas que fan os seus espectáculos obtendo por eles uns beneficios. Calquera comisión de festas do concello ten que preocuparse de recoller os residuos que se xeneran no espazo que ocupa e encargarse de que quede limpo, sen que o Concello lle facilite persoal para estas labores”. O BNG barreirense “entende que este feito demostra a falla de planificación existente en canto a política laboral no Concello de Barreiros”.
Ademais, desde o BNG consideran que “o lóxico sería que o Concello, como entidade pública, se adicase a promocionar tamén outro tipo de ocio, alternativo e con maiores dificultades para instalarse na sociedade”. O BNG faise eco tamén do malestar que lle transmitiron veciñas e veciños da zona, que maioritariamente acuden a Barreiros como un remanso para descansar e que se amosan sorprendidos pola realización deste tipo de eventos que, aseguran, incluso incumpren os horarios establecidos para a súa finalización.