Nota de prensa
O BNG DE BARREIROS CONVOCA UNHA XUNTANZA COS AFECTADOS POLO TRAZADO DO GASODUTO. SERÁ MAÑÁ ÁS 21 HORAS EN SAN MIGUEL. OS NACIONALISTAS ADVIRTEN QUE O PRAZO PARA A PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS REMATA O 16 DE AGOSTO E ACUSAN AO ALCALDE DE DEIXADEZ CON ESTE ASUNTO.
Barreiros, 8 de agosto de 2011. O BNG convoca unha xuntanza cos afectados polo trazado do gasoduto en Barreiros e solicita un pleno extraordinario para falar deste asunto. A reunión será mañá día 9 de agosto ás 21 horas nos colexios vellos de San Miguel. Os nacionalistas insisten na necesidade de actuar con premura debido a que o prazo para presentar alegacións remata o vindeiro 16 de agosto.
O BNG de Barreiros ten coñecemento de que o trazado do gasoduto da Mariña, que está en exposición pública desde o pasado 12 de xullo, afecta a numerosas fincas particulares ao seu paso polo concello de Barreiros; supoñendo unha afectación moi importante tanto no momento de desenvolvemento das obras como posteriormente. Desde o BNG barreirense decidiron convocar unha xuntanza, á que están chamadas todas as persoas que sexan titulares de fincas afectadas, á vista de que desde o propio Concello de Barreiros non se estaba cumprindo con esta función informadora.
Os nacionalistas consideran que “pasou un tempo prudencial para que o propio Concello, como representante que é de todas as veciñas e veciños, tomara a iniciativa neste asunto e fora a propia institución a que prestara este servizo de información ao público”. Pola contra, afirman desde o BNG, que “desde o Concello e, nomeadamente desde a Alcaldía (xa que os planos hai que ir consultalos ao despacho do alcalde), tense unha actitude de deixadez e incluso, de desanimar a aqueles particulares que pretenden facer algún tipo de alegación. Esta actitude por parte do goberno municipal demostra o pouco interese que ten este alcalde por resolver ou, cando menos, serlle útil ás veciñas e veciños de Barreiros. Apúrase Alfonso Fuente a buscar solucións para os promotores de urbanizacións en Barreiros, pero ignora as peticións e necesidades das e dos barreirenses”.
Para a formación barreirense “o dereito á información clara e veraz é indispensable e desde o Concello actúase con oscurantismo, creando un desánimo xeral entre as persoas afectadas que acaban por crer que non hai nada que facer”. Desde o BNG animan a todas as veciñas e os veciños, especialmente a aqueles con fincas afectadas polo trazado, a acudir a esta xuntanza co fin de obter unha información sobre o trazado e as consecuencias do mesmo. Igualmente animan a estas persoas a formular alegacións ao mesmo, tanto de xeito individual como desde os diferentes colectivos”. Neste sentido, o BNG cre que “o trazado máis lóxico para o gasoduto é aquel que discorra, sempre que sexa posible, por terreos públicos (zonas de afección da autovía ou da vía ferroviaria, por exemplo) xa que, ademais de evitar prexuízos ás veciñas e veciños, suporía un importante aforro de diñeiro público ao evitarse, en grande medida, as expropiacións derivadas da utilización de terreos de particulares”.
Co fin de que o propio Concello de Barreiros tome parte no asunto como lle corresponde aos representantes das veciñas e os veciños, o BNG vén de solicitar un pleno extraordinario e urxente para tratar unha moción dos nacionalistas instando ao Concello a presentar como propias as alegacións formuladas polas veciñas e os veciños. Os nacionalistas aseguran que “os representates públicos neste concello debémonos ás veciñas e aos veciños, por iso, temos que serlles útiles e estar ao seu lado cando o precisan. Como o goberno municipal non o está facendo, desde o BNG tomamos a iniciativa para que este asunto non se deixe pasar. Parécenos que, unha vez máis, se está demostrando que desde o goberno municipal de Barreiros se está máis pendente doutros asuntos e de defender outros intereses que os das veciñas e dos veciños do concello”.