Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela, tras reunirse con Fomento en Lugo, di que un informe do PXOU leva oculto desde outubro

Nota de prensa

O GOBERNO BURELÉS MANTIVO UNHA XUNTANZA CON FOMENTO PARA AVANZAR NO PXOM. GONZÁLEZ BARCIA ASEGURA QUE O INFORME EMITIDO POLO MINISTERIO ESTIVO OCULTO NO CONCELLO DESDE O PASADO MES DE OUTUBRO.

Burela, 29 de agosto de 2011. Representantes do goberno burelés mantiveron unha xuntanza esta mañá con responsables de Fomento en Lugo para avanzar no PXOM. O alcalde asegurou que o informe emitido no seu día polo Ministerio estivo oculto no Concello desde o pasado mes de outubro.

José María González Barcia explicou que “hai uns momentos acabamos de rematar o encontro que mantivemos en Lugo co xefe provincial da Demarcación de Estradas para falar do informe que no seu día emitiu o Ministerio de Fomento e que afecta de forma moi directa ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do noso concello”. O rexedor lembrou que “dito informe estaba no Concello desde o pasado mes de outubro e desde ese momento por parte do bipartito non se fixo absolutamente nada para negociar as súas conclusións co Ministerio, cousa que nós non entendemos pola sinxela razón de que nel se fala de dúas cuestións que afectan directamente á elaboración e ao futuro do PXOM. Por un lado, a inclusión solicitada nese mesmo informe con carácter obrigatorio do trazado proposta polo Ministerio de Fomento para a autovía Barreiros-San Ciprián”. O equipo de goberno entende que “eso debería negociarse, xa que si Fomento nos obriga a marcar unha superficie que non nos obrigue a delimitar esa única superficie, senón que nos deixe marxe para poder determinar unha zona de protección de insfraestructuras, que podería para esa ou outra infraestructura”.

González Barcia seguiu a relatar que “o segundo aspecto que aparecía reflexado tamén nese documento e que nos preocupa bastante é o que se refire á liña de edificabilidade delimitada pola propia variante. A variante ten agora mesmo unha afectación de 100 metros e nós imos defender diante do Ministerio de Fomento a posibilidade de que o solo urbán quede fora desa afectación, que nós entendemos que é o máis lóxico”.

O alcalde de Burela dixo que “o encontro de hoxe foi unha primeira toma de contacto co Ministerio de Fomento” e subliñou que “nunca antes desde o Concello se tiveran posto en contacto con este departamento para ver estas cuestións que desde o noso punto de visto non só afectan ao PXOM en sí senón a moitos cidadáns do noso concello”.

Ao encontro celebrado en Lugo acudiu tamén o concelleiro de Urbanismo, Manuel Fernández Valle, o técnico municipal e técnicos da empresa redactora do PXOM. O rexedor tildou de cordial, positiva e constructiva a xuntanza e sinalou que “reflicte as boas relacións que sempre tivo a Demarcación de Estradas co Concello de Burela, algo que se remonta ao anterior mandato do PP neste municipio”.

Barcia anunciou que “dentro dunha semanas imos ter un encontro coa Demarcación rexional de Estradas do Estado na Coruña, porque son eles os que nos poden guiar sobre a plasmación no plan xeral desa superficie de protección para infraestructuras que sería por onde pasaría esa autovía, que por certo tres anos despois aínda non se teñen resolto as alegacións presentadas ao respecto”. O rexedor burelés amosóuse preocupado “porque se nos obriga a marcala no plan xeral, pero non sabemos si ese vai ser o trazado definitivo, polo que de ser así sairían perxudicados o conxunto dos cidadáns deste concello”.

González Barcia subliñou que “seguiremos a traballar neste tema e igual que nos reuniremos coa Demarcación de Estradas na Coruña temos prevista para setembro unha xuntanza coa Secretaría Xeral de Urbanismo para tratar sobre o informe que a Xunta remitiu no seu día, co obxectivo de tentar acelerar ao máximo posible a elaboración e a aprobación do PXOM de Burela”.

Exit mobile version