Nota de prensa:
GONZÁLEZ BARCIA DESTACA A APROBACIÓN DEFINITIVA DO PROXECTO DAS OBRAS DE ACCESO AO PORTO. O ALCALDE DE BURELA DI QUE ASÍ SE CUMPREN OS PASOS QUE ANUNCIOU NO SEU DÍA O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE.
Burela, 13 de agosto de 2011. O alcalde de Burela, José Mª González Barcia, fai unha valoración moi positiva despois de coñecer a resolución pola que se aproba o expedente de información pública e definitivamente o proxecto de construcción da actualización e terminación das obras de acceso ao porto. O rexedor considera que se cumpren así os pasos anunciados polo conselleiro de Medio Ambiente.
O rexedor sinalou que “a valoración que facemos desde o equipo de goberno é francamente positiva porque ven confirmar que os pasos que foron anunciados no seu día polo conselleiro de Medio Ambiente se están a cumprir. Creo que o anuncio de aprobación definitiva do proxecto cumpre as expectativas que todos tiñamos, polo menos desde o PP e desde o sector náutico pesqueiro”. E engadiu que “agora imos confiar en que comecen os trámites para levar a cabo as expropiacións dos terreos que se ocupan a raíz deste novo proxecto, que son fundamentalmente aqueles que están afectados polo cambio no trazado da vía do tren”.
González Barcia anunciou que “en próximos días reunirémonos con responsables da Xunta para analizar polo muido cales son os prazos que teñen previsto marcar para continuar dando os pasos que estaban planificados cando se anunciou que esta obra ía continuar e a partires de aí teremos informada á poboación de Burela no seu conxunto, pero particularmente ao sector pesqueiro, que é quizáis o máis afectados polo anuncio feito público pola Xunta a través do Diario Oficial de Galicia”.