Nota de prensa
NOVELA E MÚSICA SERÁN OS PROTAGONISTAS DO ACTO QUE SE DESENVOLVERÁ MAÑÁ SÁBADO NO EIDO DOURADO.
Os xardíns do Eido Dourado, na praia da Pasada en San Miguel de Reinante, acollerán mañá sábado a presentación da última novela de Miguel Sande, A vida fora. O acto que se iniciará ás 21 horas rematará cun concerto ofrecido por dous txalapartaris vascos.
Intervirán o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Antonio Veiga; o actor e dramaturgo Manuel Lourenzo e Miguel Sande, escritor e delegado de La Voz de Galicia en A Mariña. A xornada terminará cun concerto de txalaparta ofrecido por dous músicos vascos que habitualmente acompañan a Kepa Junkera.
Con este acto Celso Dourado continúa o ciclo cultural que iniciaba a pasada semana co concerto de presentación na Mariña que ofrecía o grupo musical galego Doa. O artista barreirense xa está a traballar na vindeira cita na que o jazz inundará o Eido Dourado.
Celso Dourado anima á xente “a non perder a oportunidade de asistir ao acto do sábado, é aberto a todo o mundo e gratuito, e ademáis váise desenvolver nun espazo moi fermoso”. E fai unha recomendación aos que decidan achegarse o 6 de agosto aos xardíns do Eido Dourado, “que sexan puntuais porque estes xardíns teñen unha estructura singular e aqueles que chegan antes son os que collen os mellores sitios para disfrutar deste acto cultural”