HAI 40 ANOS: FUTBOL FEMININO EN FOZ
O estadio Martínez Otero rexistrara un cheo nun encontro no que fixera o saque de honra o orondo Pedro Tapia, “o Ruleiro”, ex xogador, ó que lembramos na nosa adolescencia como un gardameta difícil de bater, áxil coma un felino, cuxa fisonomía, co tempo, sufríu unha apreciable metamorfose que o fixo partícipe, con tódolos merecementos, o mesmo verán, naquel único concurso de gordos que rexistra os anais da vila focega Algún día contaremos polo miúdo o curioso episodio.
En canto ó partido feminino a punto estivera de frustarse. Alguen, cuxo nome omitimos, que hai xa anos nos deixou, nunha actitude difícilmente entendible nas súas circunstancias persoais, aparte outras consideracións elementais, fixera campaña en contra do mesmo, facéndolles ver a algúns pais (hai que retroceder 40 anos) o “escándalo” e o “deshonor” que para as súas fillas era saltar ao campo vestidas de futbolistas. Este cronista, presidente da comisión de festas aquel ano, era o promotor do encontro e alguén edvertiuno do que estaba a pasar: que chegada a hora ían faltar catro ou cinco xogadoras ás que seus pais lles prohibían facer tal. Un par de días antes visitamos ós mesmos nas súas casas e temos que confesar que nos resultou doado lograr os obxetivos: todos, de boa fe, creron en nós. E foi un dos días grandes vividos no Martínez Otero.
Fora árbitro da contenda Tito da Fábrica que para a ocasión vestírase de muller, para non desentoar coa posta en escena.
No Racing do Mostrador, con Milucho de Simón de adestrador, alineaban: Maruja Fernández (do banqueiro), Susa Martínez (de Fito), Lupe Marful (de Cosme), María Luisa Maldonado, Loli Alonso (da Tata), Mari Echevarría, Iselda García, Dulce María Martínez, Aurora Oroza, Amalia Maldonado, Mari Carmen Anlló, e Loli Fernández (de Simón).
Pola súa banda as da Agulla, adestradas por Arturo da Peala, formaban : Marita Teijeiro (da Pecherena), Mari Carmen Fraga, Mari Carmen García (Xexé), Clara Ruiz (da Sanchona), Azucena López (do Ollomouro) e Ana María Veiga (de Adela).
Gañaran 1-0 as primeiras e recollera o trofeo a capitana Lupe de Cosme, de mans do presidente das festas, Suso Fernández, según amosa a fotografía. Tiña éste entón 33 anos. E non coxeaba…
Suso Fernández