Nota de prensa
A FUNDACIÓN EXPOMAR COMEZOU A ABONAR AS DÉBEDAS QUE TIÑA CONTRAÍDAS COA CONFRARÍA DE PESCADORES DE BURELA. O PRIMEIRO PAGO ASCENDEU A 19.200 EUROS. GONZÁLEZ BARCIA AGARDA QUE TODAS QUEDEN SALDADAS AO LONGO DESTE ANO.
Burela, a 18 de agosto de 2011. A Fundación EXPOMAR comezou a semana pasada a abonar a débeda que tiña contraída coa confraría de pescadores de Burela e que en total ascende a uns corenta mil euros, en concepto de canon polo uso da nave de redes para a celebración da Feira EXPOMAR e de PRODUART de 2009, así como PRODUART de 2010 e EXPOMAR e PRODUART do presente ano.
O presidente da Fundación e alcalde de Burela, José María González Barcia, indicou que o pasado venres fíxose efectivo o primeiro ingreso a favor da confraría de pescadores, cun importe de 19.200 euros. Barcia confía en que a débeda estea totalmente abonada ao longo do presente ano.
González Barcia manifestou que “a confraría ten un espíritu absolutamente colaborador neste asunto, e así o puxo de manifesto na última reunión que celebrou o padroado da Fundación EXPOMAR do que forma parte”. O presidente da Fundación sinalou que “non haberá problemas coa confraría, o patrón maior e o cabildo están en boa disposición para que este asunto se solucione da forma mellor para todos”.
Barcia dixo que “non entendo como se chegou a esta situación, a non ser que se explique pola falla de xestión e pola falla de vontade para resolver este problema. Resulta sorprendente que se lle queira recoñecer á confraría a súa colaboración con nomes de prazas, pero semella que solo se lle recoñece se non se lle paga e pecha a boca”.
Igualmente, o presidente da Fundación EXPOMAR e alcalde de Burela subliñou que “xa está en fase de redacción, e polo tanto asinarase en breve, o convenio entre a Fundación e o Concello para que éste proceda a aportar 12.000 euros á Fundación”.
González Barcia manifestou que “o Concello de Burela non aportou nada á Fundación EXPOMAR nos anos 2008, 2009 e 2010, o que é unha demostración de falla de interese do bipartito pola actividade de EXPOMAR”.