Nota de prensa
A CONTRATACIÓN DE 20 SOCORRISTAS PON DE MANIFESTO QUE OUTROS ANOS A SEGURIDADE OU NON ESTABA CUBERTA OU QUE ESTE ANO HAI UN EXCESO
-Méndez subliña que “nos últimos cinco anos, contratouse unha media de 8 ou 10 socorristas, e incluso lográbamos bandeiras azuis, galardóns que esixen un nivel alto de vixiancia nas praias”
-Destaca que “duplicar o número de contratados xustamente en ano electoral e durante un verán no que o tempo non acompañou, non se entende se non é por un pago de favores”
CERVO, 19 DE AGOSTO. A portavoz do Grupo Municipal Socialista de Cervo, Lara Méndez, mostrouse sorprendida tralas declaracións do alcalde, Alfonso Villares, sobre a defensa da seguridade nas praias. Méndez sinalou que “se nos remitimos ós datos dos últimos cinco anos, no noso Concello a media de socorristas contratados para as praias do municipio estaba entre os 8 e os 10 vixiantes e este verán duplicamos esa cifra, pois están traballando 20 persoas. Só hai duas posibilidades, en anos anteriores a seguridade non estaba ben cuberta ou é que este ano hai un exceso”.
A voceira socialista asegurou que “é responsabilidade do alcalde ofertar uns servizos de seguridade e vixiancia adecuados e aínda máis se pensamos na obtención das bandeiras azuis, un galardón que recoñece, en tódolos ámbitos, a calidade das nosas praias. Se volvemos a vista atrás, nos últimos cinco anos obtivemos sempre algunha bandeira azul, houbo anos que ondeou nunha praia e outros anos nos que incluso logramos dúas e tres. Con todo isto, o que queremos poñer de manifesto é que se en anos anteriores contratando a 10 socorristas poidemos lograr bandeiras azuis, que esixen un nivel adecuado de seguridade, este ano a contratación de 20 persoas non se explica doutra maneira se non é por un pago de favores”.
Lara Méndez subliñou que “queremos pensar que o señor Villares actuou sempre de maneira responsable pero cando xustifica a contratación de 20 socorristas este ano por motivos de seguridade, parece que os anos anteriores non tivo as necesidade ben cubertas”. E engadiu que “é curioso que xustamente este ano, ano electoral, no que tivemos un verán no que a climatoloxía non nos acompañou, a cifra de socorristas contratados duplique a dos cinco anos anteriores”.
Disimular a falta de bandeiras azuis
Méndez recomendoulle ó señor alcalde que “en lugar de facer pagos de favores, se preocupe máis de xestionar servizos e conseguir galardóns como os das bandeiras azuis, que recoñezan a calidade das nosas praias e do noso concello en xeral, e que e un reclamo turístico importante. Grazas á súa desidia, é a primeira vez, dende que se concede este premio, que o Concello de Cervo non obtén ninguha bandeira azul. Aínda así, sabe disimular moi ben a súa falta de preocupación por estes temas, conservando nalgún punto do municipio carteis informativos nos que se indican as praias con bandeira azul.