Nota de prensa
OS XARDÍNS DO EUDO DOURADO ACOLLERÁN O VINDEIRO SÁBADO A PRESENTACIÓN DA ÚLTIMA NOVA DE MIGUEL SANDE, A VIDA FORA. DESPOIS HABERÁ UN CONCERTO OFRECIDO POR DOUS TXALAPARTARIS VASCOS.
Barreiros, 3 de agosto de 2011. Os xardíns do Eido Dourado acollerán o vindeiro sábado a presentación da última novela de Miguel Sande, A vida fora. O acto que se iniciará ás 21 horas rematará cun concerto ofrecido por dous txalapartaris vascos.
Dourado explicou que “esta fin de semana no Eido Dourado seguiremos co ciclo cultural que iniciábamos a pasada fin de semana co concerto-presentación de Doa na Mariña. E neste caso o sábado ás 21 horas teremos a presentación da nova novela de Miguel Sande, un escritor de sobra coñecido na Mariña xa que tamén ostenta o cargo de delegado de La Voz de Galicia para esta comarca”.
O artista barreirense subliñou que “se trata dunha novela moi interesante e de moita actualidade na Mariña e en Barreiros. A trama desenvólvese nun determinado lugar no que unha anciá, María, en cadeira de rodas ve pasar os días a través dunha ventá ata que un edificio en construcción lle quita o único que lle quedaba, que era a vista. O título da novela é A vida fora”.
O acto dará comezo ás nove da noite nos xardíns do Eido Dourado, na praia de A Pasada en San Miguel de Reinante, “o relato iniciarao o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, bó coñecedor da obra de Miguel Sande, continuará o amigo destas terras mariñáns Manuel Lourenzo, que quere estar ao lado do escritor e xornalista neste día e despois intervirá o autor da novela. Miguel Sande narrará a trama desta súa obra. E para rematar esta especie de tertulia aberta imos gozar coa música de dous txalapartaris vascos, que ofrecerán un pequeno concerto no Eido Dourado. Son Ander e Víctor, acompañantes habituais de Kepa Junkera”.
Celso Dourado convida a asistir a este acto aberto e gratuito a todos os que desexen vivir e compartir unha noite cultural o sábado 6 de agosto nos xardíns do seu espazo adicado ao arte. O ciclo cultural que se iniciaba no Eido Dourado, en palabras do seu creador, “seguirá o vindeiro ano, pero neste mes de agosto xa poido adiantar que estamos a preparar unha nova cita musical na que o jazz será o protagonista”.