Nota de prensa
AIRES DO SUR NA PRETEMPADA BURELÁ
Os aires do sur chegaron estes días á Mariña, coa presenza de dúas novísimas promesas granadinas na pretempada do Burela FS, o ala-peche Daniel Aguilera, de 19 anos, e o ala-pivote Fernando Aguilera, de 15. Ambos os dous mozos, que participaron durante unha semana nos adestramentos laranxas, recalaron no conxunto burelista como habituais da selección andaluza sub-18 e sub-19, no caso do primeiro, e sub-16, no caso do segundo.
“Para nós é un privilexio traballar na pretempada dun club que se preocupa tanto pola formación de base e con xogadores tan profesionais” dixo Fernando, aspecto no que tamén incidiu Daniel facendo referencia ás esixencias da Segunda División: “Estes días estamos aprendendo moitísimo tanto da dinámica do equipo coma das aptitudes e calidade dos compañeiros. Existe un salto substancial entre Segunda e Segunda B, categoría na que levo xa dous anos xogando, e esta oportunidade permítenos involucrarnos de cheo no funcionamento e preparación dunha competición que está entre os nosos obxectivos”.
“Queremos agradecerlle ao club que nos brindara a posibilidade de compartir adestramentos con deportistas de referencia no fútbol sala nacional; é unha grande axuda para a nosa formación e para o noso futuro” expresaron os deportistas granadinos.