Site icon Crónica3.com A Mariña

Clausuraron o obradoiro de emprego de Ourol no que participaron 24 persoas

Nota de prensa

O OBRADOIRO DE EMPREGO DE OUROL FORMOU E PROPORCIONOU TRABALLO A 24 PERSOAS CUN INVESTIMENTO DE PRETO DE 520.000 EUROS

* O director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, clausurou hoxe o obradoiro da localidade lucense
* Hermida subliñou que estas persoas non só saíron da situación de desemprego, senón que conseguiron mellorar a súa cualificación e empregabilidade de acordo ás necesidades do mercado laboral actual
* Os alumnos que participaron nesta iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar acadaron experiencia laboral en albanelería e instalacións e mantemento de xardíns
* A actuación permitiu a adecuación do parque infantil e biosaudable e do paseo peonil da Rega

Ourol (Lugo), 14 de agosto de 2011.- O obradoiro de emprego “Ourol Natural” do Concello de Ourol (Lugo) formou e proporcionou traballo a 24 persoas desempregadas maiores de 25 anos ao longo dun ano. Esta iniciativa, da Consellería de Traballo e Benestar, contou cun investimento de preto de 520.000 euros. En concreto, 14 participantes especializáronse en albanelería e os 10 restantes en instalacións e mantemento de xardíns.

O director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, clausurou hoxe este obradoiro e participou na inauguración das actuacións que se desenvolveron grazas a este plan: adecuación do parque infantil e biosaudable e do paseo peonil da Rega.

Así, Hermida destacou que estas persoas non só saíron da situación de desemprego, senón que conseguiron mellorar a súa cualificación e empregabilidade de acordo ás necesidades do mercado laboral actual, ao tempo que indicou que “os resultados do seu labor reverteron, tamén, na mellora de diversas zonas e equipamentos do concello de Ourol”.

Hermida, que agradeceu ao Concello a súa achega para facer posible o obradoiro, apuntou que os programas mixtos de formación e emprego constitúen “unha excelente oportunidade de colaboración institucional para acadar unha dobre vantaxe”: a de mellorar a empregabilidade dos traballadores e traballadoras, atendendo ás potencialidades e oportunidades de cada territorio; e a de realizar obras e servizos de interese xeral, que reverten en melloras palpables para todos os veciños dun municipio.

O director xeral de Promoción do Emprego resaltou, así mesmo, a importancia de non esquecer que “a consecución de máis e mellores postos de traballo para Galicia é un labor no que debemos implicarnos todos”. Por elo, animou aos alumnos que tomaron parte do obradoiro de emprego de Ourol a sacar “o máximo partido” das ensinanzas acadadas e a continuar renovando os seus coñecementos “a través dunha aprendizaxe permanente co obxectivo de actualizarse e revalorizarse día a día no mercado laboral”.

Características dos obradoiros de emprego

Os obradoiros están dirixidos a persoas desempregadas de 25 anos ou máis, que estean inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia. Na selección de persoal valorouse, de xeito preferente, ás persoas desempregadas que tiveran esgotadas as súas prestacións.

A formación que reciben é de carácter fundamentalmente práctico, mediante a realización de obras ou da prestación de servizos de interese xeral ou social, que posteriormente facilitarán a integración no mercado laboral dos participantes. De feito, unha porcentaxe elevada atopa traballo nun curto prazo de tempo, na mesma especialidade na que se formaron.

Con todo, hai que salientar que, ademais da propia formación profesional, durante toda a duración do proxecto proporcionarase aos alumnos traballadores outros contidos formativos, como pode ser a orientación e asesoramento profesional, empresarial e laboral.

Exit mobile version