Nota de prensa
A CLÍNICA VIRXE DA MARIÑA, PRIMEIRA PARADA DE PRETEMPADA PARA O BURELA FS PESCADOS RUBÉN
Tras dúas semanas de traballo individual orientado polo corpo técnico, as xogadoras comezaron hoxe mesmo os adestramentos grupais de pretempada, con programación de dobre sesión diaria. Tarefas de potencia aeróbica e forza de resistencia centraron o primeiro adestramento, no que o preparador físico, Alfonso Mera, xa puido contar co vestiario ao completo. Xunto a Irene, Jozi, Lidia, Silvia, Ro, Claudia, Lucía e Dolo, incorporáronse Haydée, Peque e Maite, ademais da cadete cervense Paula Cortiñas, que realizará a pretempada coas laranxas. A partir desta mesma tarde, as mariñás internaranse nas sesións tácticas para profundar nos sistemas de xogo.
A vindeira semana os membros do equipo sénior masculino serán sometidos ás revisións médicas no centro burelao Virxe da Mariña (avenida Arcadio Pardiñas, número 145). Xunto aos recoñecementos da pretempada, o Burela FS e Burela FS Pescados Rubén tamén estarán supervisados polos especialistas da clínica ao longo da competición ligueira.