Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta non ten escusa para negarlle a Foz un centro de día, asegura o BNG

O BNG DECLARA QUE A XUNTA NON TEN ESCUSAS PARA NEGARLLE A FOZ UN CENTRO RESIDENCIAL DE DÍA

“Foz non pode quedar marxinado nos orzamentos da Xunta novamente” afirma Basanta

Foz, 6 de agosto de 2011.- No pasado pleno, todos os grupos políticos aprobamos por unanimidade instar á Xunta de Galiza a realizar a construcción en Foz dun Centro Residencial de Día, e dicir, unha Residencia que conte con Centro de Día.

A moción presentada polo BNG e aprobada polo Pleno da Corporación persegue que a Xunta se comprometa a dedicar unha partida nos Orzamentos do ano 2012 para que dita obra poida estar rematada no horizonte do 2014. Segundo di o portavoz municipal do BNG, “estes dous servizos sociais son unha demanda urxente da poboación, unha poboación que supera os 2.300 maiores de 65 anos, número que supera á poboación total de moitas localidade que si teñen estes servizos. Ademais contando que a Xunta xa ten os terreos cedidos polo Concello na finca do Asilo”.

O que si ten que reiterar o BNG é a discriminación que o PP na Xunta cometeu con Foz á hora de implantar este tipo de servizos sociais posto que só ao noso Concello se lle condicionou a posta en funcionamento da Residencia e do Centro de Día a un estudo do que, a pesares de anunciarse a primeiros de ano, non sabemos absolutamente nada. “É impresentable a tardanza dunha resolución por parte da Xunta. Seguramente o estudo non se fixo porque nin o alcalde sabe nada do mesmo”. Mentres a Xunta apoia e inviste abundantes recursos para abrir e construír centros de día e residencias ao longo do territorio da Mariña, a Foz –sendo a segunda poboación da comarca- se lle nega unha e outra vez. Resulta dificilmente xustificable que o PP non lle dea unha prioridade a esta infraestructura e busque continuos pretextos pouco cribles para non levala a cabo, cando ademais os terreos están cedidos e á súa disposición.

O BNG espera que desta vez a Xunta recapacite e realmente aposte por dotar a Foz duns servizos largamente demandados que crearían moitos postos de traballo e que resolverían unha das deficiencias en servizos sociais do noso Concello. A pelota está sobre o tellado da Xunta e do seu goberno pero sería unha gran decepción que o Centro Residencial de Día non fose unha realidade nesta lexislatura. Desde logo, se isto ocorre, “o BNG non llo perdoaría nunca ao goberno do PP da Xunta como tampouco cremos que llo perdoarían todos os focegos e focegas”, declarou Basanta.

Exit mobile version