Nota de prensa:
A Plataforma na Defensa da Sanidade Publica da Mariña chama á poboación mariñá estar atenta á aplicación na nosa área asistencial do Decreto de Xestión Integrada.
A Xunta está aproveitando a época vacional para aprobar o desmantelamento das actuais áreas sanitarias de costas á sociedade.
A Mariña, 10 de agosto de 2011. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña pediu á sociedade mariñá que estea alerta diante da publicación no DOG do pasado 1 de agosto dos Decretos de aplicación das Áreas de Xestión Integrada dos Salnés e O Barco polo que estas Áreas asistencias, aínda non perdendo a súa denominación, pasarán a depender de Pontevedra e Ourense. A Plataforma integrada por colectivos de doentes, asociacións veciñais, persoal sanitario, sindicatos e partidos políticos alertaron de que a Xunta está aproveitando a época estival para, de costas á sociedade, proceder ao desmantelamento do actual mapa sanitario afastando do territorio das áreas afectadas a xestión e a toma de decisións e prexudicando a carteira de servizos existente pola mobilidade de persoal asistencial e con isto aos doentes, que no caso da Mariña, xa están a ser derivados masivamente en determinadas especialidades e servizos.
A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña acende as alertas sobre o desmantelamento da actual área sanitaria mariñá.
A Plataforma Demandou á sociedade mariña ”que estea alerta” diante do folla de ruta do goberno da Xunta para a modificación do actual mapa sanitario na Mariña. “En época vacacional e sen información previa á sociedade” a Xunta xa aprobou o desmantelamento das áreas sanitarias do Salnés e O Barco que serán integradas respectivamente en Pontevedra e Ourense “sen ter en conta as distintas reclamacións feitas polas respectivas plataformas en defensa da sanidade pública.” Dende a plataforma mariñá advertiron que a Consellaría de Sanidade “está colando ás agachadas estas decisións cando a maioría do persoal sanitario e cidadáns está de vacacións para evitar calquera resposta social en contra”
O PP pretende trasladar a Galiza o modelo sanitario madrileño que empezou por eliminar as áreas sanitarias para despois deixar campo aberto á privatización asistencial.
Dende a plataforma chaman a estar atentos e atentas xa que o PP galego segue a folla re ruta fixada polo sistema de saúde da Comunidade de Madrid, “empezando pola eliminación das áreas sanitarias e seguindo pola entrada de capital privado no sistema público de saúde para o que as estruturas de área son un estorbo”.
Aínda mantendo a súa denominación, de implantarse o modelo seguido polo Salnés e O Barco na comarca, a Area Sanitaria Mariñá deixará de existir.
A Plataforma advertiu que non se debe caer no engano argumentado pola Consellaría de que a actual denominación da Area non desaparecerá, “si as estruturas directivas e a toma de decisións se centraliza en Lugo, aquí só quedará un transmisor de información que executará as ordes que proveñan doutro lado”. O Decreto de Xestión Integrada modifica as estruturas de mando e xestión e por tanto A Mariña perdería a capacidade de programación, organización e xestión no propio territorio complementando a actividade dos servizos especializados e asistencia primaria.