Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña podería ser a seguinte área no que se aplique o programa sanitario oculto do PP aprobando pola porta de atrás os decretos de xestión integrada asegura o BNG

Nota de prensa

O BNG denuncia que o PP empeza a poñer en práctica o seu programa sanitario oculto aprobando pola porta de atrás os decretos de xestión integrada de Pontevedra-Salnés e Ourense-Verín-O Barco.

Os nacionalistas advirten que A Mariña podería ser a seguinte área no que se vai aplicar o decreto perdendo a súa capacidade xestora para integrarse na de Lugo.

A Mariña, 9 de agosto de 2011. O BNG denunciou a aprobación e publicación no DOG do pasado venres 5 de xullo os Decretos de Xestión Integrada de Pontevedra-Salnés e Ourense-Verín-O Barco, desta maneira ponse en práctica en pleno mes de agosto e sen previa información ás partes interesadas o que o BNG deu un chamar “o programa oculto do PP” que transformará o mapa sanitario galego coa eliminación pola porta de atrás de varias das Áreas Sanitarias nas que se estrutura o actual mapa sanitario galego baixo o falso discurso da austeridade que na practica non é real e só provocará maior mobilidade do persoal sanitario e o que é mais grave tamén dos doentes.

A Área Sanitaria da Mariña pode ser a seguinte en desmantelarse trasladando os seus órganos de xestión a Lugo.

Despois da publicación no DOG dos Decretos de Xestión Integrada de Pontevedra-Salnés e Ourense-Verín-O Barco, sen previa información á cidadanía, representantes dos cadros de persoal, centrais sindicais e Plataformas na Defensa da Sanidade Publica, a Consellaría de Sanidade impón un modelo de xestión que supera os límites xeográficos das actuais Áreas Sanitarias que perderán capacidade decisoria e de xestión en favor dos novos centros de xestión. Antonio Veiga, Responsábel Comarcal Nacionalista, denunciou que “despois dos desmantelamento das áreas sanitarias do Barco e o Salnés, a seguinte podería ser A Mariña co cal o PP poñería negro sobre branco o que o BNG e A Plataforma na Defensa da Sanidade Publica da Mariña vimos denunciando fai tempo.” Veiga advertiu que coa aplicación do novo modelo de xestión integrada, as áreas desmanteladas aínda mantendo a súa denominación, só deixan xerentes pantasma que serán simples transmisores do que se decida nos novos centros de decisión, no noso caso en Lugo.”

O modelo de xestión integrada do PP nin supón un aforro nin mellorará a atención sanitaria dos doentes.

Veiga denunciou que coa aprobación dos decretos de xestión integrada do Barco e do Salnés que acabarán integrándose en Ourense e Pontevedra, “o PP mostra a folla de ruta para que A Mariña siga o mesmo camiño”, engadindo que con este modelo “non se aforra xa que non hai diminución algunha das estruturas directivas e ábrese a porta á mobilidade do persoal sanitario dunhas áreas a outras(tanto nos niveis de asistencia primaria como especializada) e con isto a fuga de facultativos que obrigará aos doentes mariñaos a desprazarse, aínda mais, a centros asistenciais fora da comarca”. “De aplicarse este decreto na comarca estariamos permitindo unha volta ao pasado na asistencia sanitaria na Mariña”, rematou Veiga.

Exit mobile version