Site icon Crónica3.com A Mariña

Veciños do Valadouro e de Bretoña realizarán un acto de irmandamento na parroquia de Santa Cruz

Nota de prensa:
PROPÓSITO DE ENMENDA. A RECTIFICACIÓN DA HISTORIA

Veciños do Valadouro e das terras de Bretoña realizarán un curioso acto de irmandamento no cemiterio da parroquia de Santa Cruz o próximo día 30 de xullo

Na noite do 22 de novembro de 1888, seis homes veciños da Pastoriza entraron pola forza na casa reitoral de Santa Cruz do Valadouro. Para conseguiren un botín de 970 pesetas, os asaltantes deixaron tras de si catro persoas asasinadas: o cura, dúas criadas e un criado, todos eles tamén orixinarios da Pastoriza.

Os seis acusados foron condenados a pena de morte no xuízo celebrado en Mondoñedo entre os días 26 e 29 de marzo de 1889. Finalmente, a raíña rexente María Cristina conmutoulles a pena por cadea perpetua a cinco deles, segundo indica o escritor Miguel Vila Pernas, quen tratou literariamente os feitos na súa novela titulada “O Crime de Santa Cruz do Valadouro” (Edicións do Castro). Outro dos acusados, Manuel Luxilde, foi executado un ano máis tarde (1890) no campo da feira de Mondoñedo á vista de millares de curiosos chegados de toda a comarca.

Transcorridos case 125 anos desde que sucederan eses feitos tan dramáticos, a asociación ambientalista Fraga das Lerias do Valadouro organiza un simbólico acto de confraternización entre a poboación destes dous concellos lugueses. Dentro do programa de actividades culturais complementarias á exposición Palabra e Memoria están incluídas dúas convocatorias singulares: ás 7 da tarde do día 30 de xullo no cemiterio de Moucide será conmemorado o centenario do nacemento do acordeonista Eladio Maseda; e unha hora máis tarde (20:00 h.), en Santa Cruz, recordaranse os feitos do crime do Valadouro. Neste caso, o acto leva por título “Propósito de enmenda. Rectificación da historia”. Os organizadores pretenden divulgar así a lección aprendida da historia no sentido de que a violencia xera máis violencia e, polo tanto, moito sufrimento para todas as partes implicadas. Con este evento poñen de manifesto a súa opción en favor do entendemento e a irmandade entre os pobos. Os encargados de transmitir a mensaxe serán o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, e o escritor Miguel Vila Pernas. Actuará como anfitrión e condutor da cerimonia o concelleiro local Luís García Rubal, na súa calidade de membro da corporación e da asociación convocante.
Para poñer fin a esta xornada cultural, ás 9 da noite, na casa da cultura de Ferreira celebrarase unha mesa-redonda coa participación directa de diversas familias protagonistas da Exposición Palabra e Memoria, presentada e moderada por Alba García Pico. No mesmo acto tamén intervirán o sacerdote Fernando Monterroso e o lingüista Primitivo Iglesias.

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN PALABRA E MEMORIA

Case dous centenares de persoas participaron o día 24 de xullo na casa da cultura de Ferreira nos actos de inauguración da Exposición Palabra e Memoria, que recolle en fotografías de María Mon Geada os resultados da investigación sobre patrimonio local realizada por Alba García Pico.

Tras o saúdo realizado por Edmundo Maseda, presidente da asociación convocante “Fraga das Lerias”, tomou a palabra a coordinadora dos eventos, Alba, para explicar a metodoloxía da investigación e para ambientar o público nos contidos da exposición, algo que fixo mediante a proxección de diversos fragmentos dos audiovisuais “Modelo Burela” e “Palabra e Memoria” de Matías Nicieza.

Despois de que o deseñador Xosé Blanco explicase a iconografía do cartaz anunciador (no que figuran diversos símbolos relixiosos dos pobos prerromanos, posteriomente adaptados ao culto cristián), a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, transmitiu os parabéns á entidade organizadora e aos responsables da investigación e da montaxe da exposición. Para Méndez sería desexable que en datas próximas a mostra se fixese itinerante por outros concellos.

Finalizada a parte máis institucional, o público puido disfrutar dunha visita guiada pola coordinadora, que estivo acompañada por Aida López Vale, que realizara unha experiencia semellante no Vicedo e que quixo apoiar coa súa presenza as actividades do Valadouro.

A exposición Palabra e Memoria está distribuída en oito paneis. En cada un deles está recollida unha síntese da historia de cada unha das parroquias do Valadouro. Arredor das imaxes da igrexa e o cemiterio están as fotos das inscricións funerarias máis relevantes, todas elas acompañadas das explicacións das circunstancias en que foron redactadas así como da biografía das persoas a quen están dedicadas.

————————————————————————————————————————————————————————————————-

DOCUMENTACIÓN:

Crime do Valadouro

http://www.colineta.com//blog/crime/execucion.htm

http://www.youtube.com/watch?v=Z2br_Cuf2os

Xénese das actividades Palabra e Memoria:

http://www.youtube.com/watch?v=_5LjB-vFlPs

Exit mobile version