RECITAL DE PROMESAS NO I TORNEO EON A MARIÑA 2011
A bisbarra pechou onte a primeira edición do Torneo EON de Fútbol Sala Base A Mariña 2011 con grande éxito. Os pavillóns Vista Alegre, Monte Castelo, A Veiga-San Cibrao e Marzán-Foz acolleron un recital de promesas futbolísticas, nunha cita moi rifada onde destacou a calidade local.
O fútbol sala mariñán impúxose en dúas das catro categorías. AD Santiago de Foz proclamouse campión en alevíns, tras vencer en derbi á Selección da Mariña (2-1). No entanto, o combinado comarcal puido levantar o título de infantil tras arrebatarlle a final ao ED EON Burela FS B (3-3) nos penaltis. En benxamíns, o primeiro posto tamén quedou en terras galegas, para o Troula FS de Betanzos, que se mediu na final á selección local (7-2). Na categoría cadete, UD Las Rozas Boadilla fíxose co gran trofeo ante Vigo 2015 (3-2).
A categoría estrela para o club anfitrión foi a infantil. Ademais do título de subcampión, o ED EON Burela FS B tamén conseguiu o trofeo de máximo goleador, para Cristian García, e Álex García, do ED EON A, foi recoñecido como mellor xogador da categoría. En benxamíns, o título de equipo máis deportivo recaeu no cadro C laranxa.
O acto de clausura contou coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; o alcalde de Burela, José María González Barcia; a concelleira de Xuventude e Deporte, Beatriz Piñeiro; o responsable de Empresas de EON España, Amador López Boado, e o delegado de Begasa-EON na comarca, Vicente García Mallada.