Nota de prensa
Nota de prensa do grupo municipal do PSdeG PSOE de Burela
Nesta fin de semana vimos que a maioría dos concellos costeiros, honraban á Virxe do Carme con multitudinarias festas como homenaxe ao mundo do mar. Case todos, menos entre os que non, o de Burela, que aínda que o mar é o motor económico da vila, resulta curioso que caera no esquecemento polos novos gobernantes, o cal nos resulta de todo inaceptable. Dende o grupo municipal do PSdeG-PSOE de Burela lembramos que nos últimos anos, no Barco Museo Reina del Carmen, o día da súa onomástica facíase un acto oficial, invitando a todas as asociacións mais destacadas e relacionadas co mundo do mar: ABSA, Confraría de pescadores, xubilados de A Moncloa, Capitanía, Ledícia e, como non, a toda a corporación municipal. Nese acto aproveitábase para izar a bandeira azul, emblema co que ano tras ano é galardoado o noso Barco Museo pola súa labor didáctica e pedagóxica das artes de pesca tradicional que respectan o medio ambiente. Este ano, polo contrario, o novo equipo de goberno encabezado polo Sr. González Barcia, decidiu emprender unha caza de bruxas en todo o consolidado e apoiado socialmente polo anterior goberno, ou usando un termo xa coñecido, unha obsesivo interés en demoler e derribar todos os actos participativos os cales a xente puidera relacionar cos que gobernaron Burela ata maio do 2011. Cada día que pasa, pérdense mais actividades. Falamos do Seminario de Jazz, ou dos cursos de surf que pasaron de ser cinco días, todo gratuito, sen coste algún para o concello e sen límite de inscrición (ata preto de 100 alumnos), a dous días con limitación de usuarios. Por certo recordar que a día de hoxe non foi izada a bandeira azul que debería ondear no mástil do barco, non sabemos se por desidia ou por falta de interés dos gobernantes, ou polas dúas cousas á vez. Ou tamén, igual o esqueceron, así que non está demais lembrárllelo, tan ocupados que están en preparar o terreo para todo tipo de recortes, agás os soldos deles.
Dende o grupo municipal socialista de Burela aproveitamos esta nota de prensa para recordarlle ao novo equipo de goberno que nos estábamos moi interesados en que este barco museo seguira funcionando como emblema da nosa cultura e tradición. Para iso, aparte da restauración feita en primavera en cuberta, levabámolo cada ano e medio ao varadeiro, e así reparar, coidar e acicalar os fondos de madeira do casco. Esta restauración de chapa e pintura tócalle a finais deste ano, co cal, dende a nosa humilde opinión e derrochador consello, amosamos o noso atrevemento para recordarlle ao señor Barcia que vaian pedindo vez nos astaleiros se queremos que siga a flote o noso museo.