Nota de prensa
Os populares mindonienses agradecen o apoio da Xunta ao evento organizado por AIMPNE e sinalan que supón a materialización do mandato parlamentario promovido polo deputado Jose Manuel Balseiro en apoio deste gran evento
A AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS ACHEGARÁ 20.000 EUROS PARA COLABORAR CO CURSO INTERNACIONAL DE MUSICOTERAPIA
•? O organismo autonómico adscrito á Consellería de Cultura compromete esta axuda salientando que se trata de impulsar unha actividade cultural de gran compoñente social.
Mondoñedo, 06 de xullo de 2011.- A portavoz do Partido Popular, Elena Candia, quixo amosar o seu agradecemento á Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) polo apoio e colaboración que este organismo autonómico vén de prestar ao Curso Internacional de Musicoterapia. Esta axencia autonómica, dependente da Consellería de Cultura, comprometeu unha axuda de 20.000 euros en favor da asociación AIMPNE, organizadora do evento, salientando ademais que a través da mesma pretende impulsar unha actividade cultural de gran compoñente social.
Elena Candia explicou que esta colaboración económica debe entenderse como a materialización do mandato parlamentario promovido no seu día polo deputado popular Jose Manuel Balseiro e polo PP local. Daquela a Cámara autonómica instáballe á Xunta a colaborar no financiamento deste curso internacional e a posibilitar que os nenos con necesidades especiais puideran participar neste curso que incluso acadou a consideración de interese sanitario.
O Curso Internacional de Musicoterapia combina obradoiros nos que se aplican os efectos beneficiosos e estimulantes da música aos tratamentos de rapaces con necesidades especiais (tales como síndrome Down, síndrome de Williams, etc). Este ano, como vén sendo habitual, Mondoñedo volverá a acoller este evento internacional entre os días 19 e 24 de xullo.
Elena Candia desexa que ao igual que o está a facer a Xunta, a través de AGADIC outras administracións tamén colaboren con este curso pois a través del non só se estará incentivando a participación das persoas con discapacidade en igualdade de oportunidades neste tipo de eventos culturais senón tamén facilitando o financiamento preciso para que todos os alumnos inscritos poidan acceder aos servizos de apoio e estímulo en función das necesidades que presenten.
A AGADIC que desde 2008 substitúe ao Instituto Galego das Artes Escénicas (IGAEM) non restrinxe a súa actuación a un sector específico, como acontecía antes, senón que engloba a totalidade das actividades culturais e artísticas desenvolvidas por creadores individuais, empresas e industrias culturais, entre elas, os obxectivos propios do Curso Internacional de Musicoterapia.