Nota de prensa
Patrimonio inventariou o petróglifo das Anzas en Ribadeo, que é o primeiro podomorfo da Mariña
Nota de prensa de MariñaPatrimonio sobre a aparición de petróglifos podomorfos nas Anzas (Ribadeo).
Este tipo de petróglifos son gravuras que representan a pegada do pé; aparecen nun pequeno número de penedos próximos á costa , especialmente na zona occidental da provincia de Pontevedra .
As gravuras de As Anzas reciben o nome de “As pisadas do encanto”, atópanse nos lindes da horta de produción ecolóxica de Elia e Vicente, coñecida como As Fádegas, nun vello camiño ao son do río Grande ou Alesancia, que ía dende as Anzas até Salcedo. Nesta rocha hai representadas unhas 11 pegadas do pé do Encanto e dúas cazoletas.
Relacionado con este petróglifo hai un valioso patrimonio inmaterial. Segundo recolle a lenda, nunha gran rocha á beira do río habita un Encanto, unha moza fermosa e loira que deixou as pegadas dos seus pés na laxe do camiño. Polo San Xoán a moza aparéceselles aos que pasan por alí amosando a súa fermosura e mailos seus tesouros así como unha galiña coa súa rolada de pitos de ouro. A beleza da moza ou a cobiza do ouro, fai que a xente se achegue á rocha , o que provoca o seu encantamento , ficando para sempre no interior da rocha.
Mariñapatrimonio quere agradecerlles a asociación Cultural Alesancia das Anzas e en especial a Elia e Vicente a súa colaboración, que contribuíu a que hoxe estes petróglifos estean inventariados e gocen da protección que recolle a lei para este importante ben cultural.