Nota de prensa
A ALA-PECHE HAYDÉE, TERCEIRO REFORZO DO BURELA FS PESCADOS RUBÉN
Formada nas categorías de base do Olivo Vigo FSF, en 2002-03 Haydée (Vigo, 1984) fichou polo Riazor FSF coruñés, pero para dar o salto á División de Honra, tres tempadas máis tarde, tivo que trasladarse ao Levante e incorporarse ao club murciano. A futbolista cualificou a súa chegada a Burela como “un soño feito realidade porque podo volver a Galicia para xogar na máxima categoría”. “Coincidindo co remate dos meus estudos, tiña ganas de cambiar de aires; tiven varias ofertas pero a miña intención era regresar a Galicia e decidinme pola proposta do Burela porque é un proxecto serio, cun equipo que está medrando” explicou a ala-peche, que tamén falou da nova etapa que a agarda na Mariña: “Os meus obxectivos principais serán os do club; espero adaptarme axiña e asimilar a dinámica de traballo con celeridade”.
Dende as filas burelistas, Marcelino Luna destacou “a experiencia da nova incorporación, que chega ao equipo como unha clara referencia defensiva”.
A xogadora, que xa compartiu experiencias co alumnado do campus laranxa, loou o traballo de formación que está realizando o CD Burela FS, especialmente co alumnado feminino, “un labor no que Galicia, xunto con Madrid e Murcia, sobresaen entre as demais comunidades”.