Nota de prensa
O BNG de Xove preguntará no pleno polo desvío de doentes de pediatría a Burela
O grupo municipal do Bloque interesouse polas molestias causadas aos pais e nais usuarios da especialidade de pediatría radicada no Centro de Saúde de Xove debido ás queixas que se están presentando perante o Sergas por causa do “deficitario servizo sanitario” que están a recibir.
Por esta razón o portavoz nacionalista, Marco López, rexistrou varias preguntas por escrito onde solicita formalmente do goberno local que se interese pola “carencia de persoal especializado” no ambulatorio e pola orixe da “continua derivación de bebés ao Hospital da Costa”. Desde o BNG pedíronlle “valentía política” ao PP para “denunciar o mal servizo” que lle está a prestar á cidadanía xovense a Administración autonómica e esixiron “a solución dos continuos retrasos nas revisións pediátricas”.
Os nacionalistas amosaron a súa preocupación pola insuficiencia do servizo pediátrico actual e basearon a súa reivindicación na “intensa demanda dunha prestación sanitaria de calidade” que existe no concello.