Nota de prensa
O BNG de Foz organiza o 23 de xullo a Festa do Chicharro Lañado para celebrar o Día da Patria Galega
Os nacionalistas convidan a todos os focegos a participar desta tradicional festa
Ao igual que noutras ocasións a romaría celebrarase na explanada do Porto, xunta a lonxa, e dará comezo ás 19:00h contando neste acto coa participación dos grupos de gaitas da Subela e máis do Feitizo que animaran a xornada.
Como xa ven sendo norma o prato forte desta xornada festivo – reivindicativa o BNG vai preparar máis de 1.000 racións de chicharro lañado con cachelos, xunto a liscos e chourizos. Segundo o portavoz do BNG, Xan Carlos González Basanta, “non é casual que é os nacionalistas apostemos polo chicharro lañado, posto que se trata dun prato característico da dieta do cantábrico galego, así como polas significacións que o chicharro ten para o conxunto dos focegos e da xente da comarca como sostén alimentario da mariña costeira nos anos da posguerra”. Así mesmo, esta aposta polo chicharro lañado ten moito haber coa recuperación do noso pasado mariñeiro e a posta en valor dun producto do mar tan característico da nosa zona e que aínda hoxe pescan as tarrafas do cerco. Mais o vencello do chicharro con productos da terra como o touciño e os chourizos tamén simboliza en boa medida o que é Foz como mestura de mar e terra.
O feito de que esta xornada se manteña ao longo destes dezaoito anos evidencia de que se trata dunha festa de todos os veciños de Foz e da Mariña e así se explica a implicación de todo o pobo xa non na xornada festiva senón na preparación da festa gastronómica. Tanto é así que o BNG quere agradecer por adiantado a todas aquelas persoas que colaboran con nós lañando o peixe así como aqueloutros que colaboran asando o chicharro..
Xa por último o BNG quere convidar a todos os veciños de Foz e da Mariña a acudir a explanada do Porto o vindeiro Sábado 23 de xullo a partir das 19:00 h a degustar chicharro lañado e a celebrar con nos esta tradicional romaría do verán focego. Aproveitarase tamén a ocasión para convidar a todos e todas a participar na manifestación do Día da Patria Galega, onde o nacionalismo galego vai expresar con clareza “a nosa vontade” de “exercermos os nosos dereitos como pobo, como nación” nun contexto marcado “non só pola crise da economía, mas tamén por unha profunda crise social e por unha crise da mesma democracia que debemos abordar desde Galiza con mais soberanía, mais democracia e mais traballo”.