Nota de prensa:
O BNG DE BARREIROS CONSIDERA QUE AS BANDEIRAS AZUIS NON PODEN NIN DEBEN AGOCHAR A REALIDADE URBANÍSTICA E MEDIOAMBIENTAL DO CONCELLO.
Barreiros, 11 de xullo de 2011. Para o BNG de Barreiros é importante o recoñecemento das bandeiras azuis conseguidas polas praias do concello, que premian o traballo feito nas mesmas nos últimos anos (servizos, accesos, socorristas…), pero consideran que ese galardón non pode nin debe agochar a realidade urbanística e medioambiental do Concello.
Desde o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego sinalan que “tendo en conta a filosofia de ADEAC cando dí nas súas bases para optar á concesión das bandeiras que o obxectivo da bandeira azul a médio prazo é conseguir un desenvolvento sostible do turismo e unha xestión ambiental no conxunto do litoral do município, ou que nunca as infraestruturas esixidas por bandeira azul poden nin deben constituirse en argumento para alterar o carácter natural de determinados paraxes naturais, ou cando di que bandeira azul non debe de servir de reclamo para a masificación do litoral concluiremos que entre os propósitos de ADEAC e a resultante final que se pode observar en Barreiros hai algo que non cadra se atendemos tamén á memoria da avaliación ambiental do Plan Sectorial feita pola Xunta para dotar de servizos a un grupo de urbanizacións de Barreiros que recentemente se aprobou. En dita memoria se explicita claramente cales foron e seguen sendo nos últimos anos as deficiencias medioambientais e de infraestruturas de Barreiros, o que quere dicir ao noso entender que as cousas se fixeron sen moito rigor, tanto á hora de cumprir os obxectivos de ADEAC como á hora de xestionar o urbanismo en Barreiros, e non digamos xa á hora da concesión de licenzas”.
Tendo en conta estas circunstancias, desde o BNG propónse “unha reflexión por parte de todos a respecto de como xestionar os nosos recursos naturais, de como preservalos e mantelos no tempo para as xeracións vindeiras, preocupándose sobre todo polo futuro mais que pola inmediatez e a celeridade nunha competición estéril por ver quen ten mais galardóns. Temos que manter as maravillosas praias das que nos dotou a natureza pero tamén o seu entorno, que era tamén o que as facía únicas e diferentes. E haberá que fuxir da tentación (o tempo danos a razón) de matar a galiña dos ovos de ouro”.
Os nacionalistas engaden que “a celeridade deben tela as institucións, non para competir co veciño para ver quen ten mais bandeiras, senón para dotarnos dos instrumentos necesarios para unha xestión sostible do noso território, léase Plan Xeral de Ordenación Municipal de Barreiros”.