Nota de prensa:
O BNG ADVIRTE QUE O CONCELLO DE BARREIROS SEGUE SUMIDO NO CAOS ECONÓMICO E CONTABLE DEBIDO Á DESASTROSA XESTIÓN E Á PRESENTACIÓN DUNHAS CONTAS IRREAIS. OS NACIONALISTAS ASEGURAN QUE A LIQUIDACIÓN DE 2010 OFRECE UN RESULTADO NEGATIVO DE MÁIS DE 700.000 EUROS.
Barreiros, 8 de xullo de 2011. O BNG advirte que o Concello de Barreiros segue sumido no caos económico e contable debido á desastrosa xestión e á presentación dunhas contas irreais. Os nacionalistas aseguran que a liquidación de 2010 ofrece un resultado negativo de máis de 700.000 euros ao igual que o remanente de tesourería para gastos xerais e lembran que desde o ano 2006 as contas veñen contemplando uns ingresos de 1.200.000 euros correspondentes ao convenio para o abastecemento da auga asinado ese ano e que non foi executado. Nos últimos catro anos os exercicios económicos en Barreiros viñeron ofrecendo uns saldos negativos de arredor de 700.000 euros.
No día de onte celebrouse un pleno municipal extraordinario e urxente en Barreiros no que se deu conta da liquidación correspondente ao ano 2010 aprobada por resolución da Alcaldía. Segundo explica a portavoz do BNG, Ana Ermida, “esta liquidación ofrece un resultado presupostario negativo de -732.659,41 euros e un remanente de tesourería para gastos xerais, tamén negativo, de -745.037,71 euros”.
Ermida subliña que “por esta razón, o Concello ten que proceder á redución de gastos nos orzamentos do 2012 por contía igual ao déficit producido, xa que esta redución xa non é posible no exercicio 2011 (aínda cos orzamentos deste ano sen elaborar). Tampouco é posible acudir a unha operación de crédito por dito importe debido á elevada contía da débeda ou remanente de tesourería negativo (-745.037,71 euros). O crédito máximo que podería obter en función do orzamento do que dispón o concello é de 135.174,75 euros (o 5% dos dereitos recoñecidos netos para operacións correntes). Como esta medida non sería suficiente para compensar o remanente negativo de tesourería, o orzamento do exercicio seguinte terá que aprobarse cun superávit inicial mínimo igual ao déficit producido no ano 2010; tal e como se desprende do informe presentado pola actual secretaria-interventora que desempeña o cargo en acumulación”.
Desde o BNG sinalan que “o caos chega a tal punto que no primeiro trimestre deste ano, e sen ter os orzamentos do 2011 aprobados, xa se procedeu por parte da Alcaldía a realizar dous recoñecementos extraxudiciais de crédito por un importe de case 700.000 euros. Estes 700.000 euros haberá que restarllos ao próximo orzamento que se elabore, xa que non existe remanente de tesourería ao que se poida acudir”.
Os nacionalistas consideran que “este caos vén orixinado, entre outras cousas, por un sobredimensionamento en número da plantilla de persoal, por unha deficitaria xestión orzamentaria (sobre todo no capítulo de gasto corrente) e por unha total falta de planificación no capítulo de inversións reais (onde o executado supera altamente o orzamentado)”. Para o BNG “esta situación é inadmisible tendo en conta que o Concello de Barreiros conta cun concelleiro de Economía e Facenda que, no seu día, foi presentado como a fichaxe galáctica que ía salvar as contas municipais.”
A Ana Ermida e a Antonio Veiga parécelles “inadmisible que o Alcalde non permitira no pleno de onte o debate sobre a situación económica do Concello, no punto referido á liquidación do orzamento, nin quixera dar explicacións ao respecto”. “Unha vez máis demóstrase que o Partido Popular segue levando ao Concello de Barreiros cara ao abismo”, sentencian desde o BNG.