Nota de prensa
O PP PON EXCUSAS PARA A SÚA FALTA DE TRABALLO E XESTIÓN: AS CONTAS MUNICIPAIS ESTÁN SANEADAS. A OBRIGA DO NOVO EQUIPO DE GOBERNO É TRABALLAR PARA CONSEGUIR MÁIS INGRESOS
Con respecto aos datos que sobre a situación económica do Concello deu estes días o grupo de goberno de Burela, dende o grupo municipal do BNG quixeramos facer as seguintes precisións para que todos os veciños de Burela saiban a verdade sobre as contas municipais.
En primeiro lugar, a situación a nivel de gastos que se atopa o novo grupo de goberno é, canto menos, envexable se a comparamos coa que nós, no anterior goberno municipal, nos atopamos no mes de xullo de 2007. Por aquel entón estaban case todas as partidas das distintas delegacións esgotadas e incluso en cantidades negativas (por exemplo, a área de Turismo atopábase con 17.000 € en negativo e xa se tiñan gastados nos 6 meses anteriores dese ano outros 50.000 € máis). Agora, todas as partidas para o normal funcionamento das distintas áreas están en positivo e quédanlle ao novo equipo de goberno máis de 5 millóns de euros para funcionar ata final de ano (máis do 67% do orzamento total do Concello).
En segundo lugar, a falta de liquidez á que alude o novo grupo de goberno débese ao grande retraso da Xunta de Galiza en aboar todas as subvencións pendentes para persoal e servizos. E estes cartos “adiántaos” o Concello dos seus fondos propios para pagar as nóminas do persoal subvencionado e despois tarda moito en cobralos por parte da Xunta.
En terceiro lugar, a obriga no novo equipo de goberno é traballar e xestionar para incrementar os ingresos do Concello para servizos e actividades e non queixarse coma os nenos pequenos e agocharse na suposta falta de cartos para recortar servizos e non facer nada. Durante estes últimos catro anos, no anterior goberno municipal, traballamos para conseguir cada ano ao redor de 800.000 € das distintas Administracións para dotarnos de servizos, actividades e obras (como o millón de euros da Deputación para obras que se van executar este ano).
Agora, o novo equipo de goberno ten que facer o mesmo: poñerse a traballar, porque levan xa case un mes gobernando e aínda non fixeron nada, só poñer excusas de que non hai cartos. Pois, traballen para conseguilos que para iso lle pagamos ao Alcalde case 50.000 € ao ano.
E aforren, claro que si, como a aposta que fixemos nós polas novas tecnoloxías de aforro enerxético en canto a alumeado e placas térmicas. Agora ben, se anuncian que van reducir o alumeado da Avenida Arcadio Pardiñas, non é de recibo que onte mércores estivera toda a mañá grande parte desta avenida coas farolas acesas.
En resumo, póñanse a traballar, que xa é hora, e deixen de poñer excusas. Cartos consignados para as distintas delegacións teñen e se precisan máis a súa obriga é xestionar novos ingresos coas distintas Administracións, que para iso lles pagamos.