Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo fará unha proposta ao pleno para reducir e compensar os danos dos xabaríns

Nota de prensa:
O PLENO DESTA TARDE ABORDARÁ UNHA PROPOSTA DA ALCALDÍA PARA REDUCIR E COMPENSAR OS DANOS PRODUCIDOS POLOS XABARILES NOS CULTIVOS DO CONCELLO DE RIBADEO.

Ribadeo, 11 de xullo de 2011. A Alcaldía leva ao pleno desta tarde unha proposta para reducir e compensar os danos producidos polos xabariles nos cultivos do concello de Ribadeo. Permitir batidas de forma automática en todos os concellos que superen os cinco avisos de danos do xabaril aos cultivos no 2012, establecer o pago por parte da Xunta de todas as axudas aos labregos pendentes desde mediados de 2009 e crear mesas de participación pública nas zonas de conflicto, son algúns dos puntos que inclúe esa iniciativa que hoxe daba a coñecer o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor explicou que “isto parte dunha reunión mantida hai uns días entre varios alcaldes, o de Barreiros, o de Trabada e o de Ribadeo, con representantes e labregos afectados polos danos que os xabariles fixeron nas súas terras de cultivo e con representantes tamén dos cazadores, propiamente os dos tecores de caza, a raíz dunha serie de sentencias xudiciais que agora están a levantar unha certa polémica entre cazadores e labregos, de aí que as administracións públicas na medidas das súas posibilidades e responsabilidades deben actuar para evitar encontros desagradables como no que participei o outro día, onde se notaba unha tensión enorme entre os veciños da mesma parroquia, ou de diversas parroquias do mesmo concello ou entre concellos, que desde logo non debera ser así”.

Suárez Barcia dixo que “o certo é que agora mesmo hai unha poboación moi importante e excesiva de xabariles, iso ten unhas explicacións e unhas causas polo abandono do medio rural cada vez maior e cunha serie de circunstancias que fai que a día de hoxe fagan auténticas desfeitas nos cultivos dos labregos. Isto tamén se ve agudizado porque a Xunta leva un tempo sen abonar unha serie de axudas establecidas para paliar estes danos e iso provoca que os labregos tendan a denunciar menos e polo tanto isto é un círculo vicioso xa que a administración non ten datos fiables dos danos porque os labregos non o denuncian e hai unhas medidas restrictivas nos controis de caza”.

O alcalde sinalou que “na proposta da Alcaldía que hoxe lles imos plantexar aos diferentes grupos para pedirlles entre todos á Xunta que utilice a súa propia normativa para poder de forma automática en todos os concellos que superen os cinco avisos de danos dos xabariles autorizar a batida, algo que lles ven ben tanto a cazadores como a labregos. Eu confío en que o resto de grupos da Corporación e despois os Concellos limítrofes fagan algo similar, foi algo do falado entre os tres alcaldes que nos xuntamos o outro día en Vilela. Debémoslles pedir á Xunta unha serie de medidas a longo e medio prazo, pero no corto prazo son estas que estou detallando…as batidas automáticas cando se superen os 5 avisos de danos nos cultivos, que se estableza o pago de todas as axudas pendentes desde mediados do ano 2009 e que se creen mesas de participación pública nas zonas de conflicto entre cazadores, gandeiros e administración para buscar de forma consensuada as mellores solucións preventivas”.

Exit mobile version