Nota de prensa
A CONCELLEIRA DE CULTURA E TURISMO DEMOSTRA A SÚA INCAPACIDADE DE XESTIÓN E O SEU DESCOÑECEMENTO DAS CONTAS MUNICIPAIS
Dicía onte a Concelleira de Cultura e Turismo que non tiña capacidade económica para facer máis actividades das previstas nas súas áreas e isto só ten dúas lecturas posibles: ou non ten a Concelleira a capacidade necesaria para xestionar as súas áreas ou, como non ten experiencia nestas cuestións políticas e de xestión municipal, non entende moi ben os números do orzamento municipal.
Se é a primeira razón terá, o sr. Alcalde, que tomar nota e actuar en consecuencia. E se é a segunda razón podemos darlle algúns datos máis para “tranquilizala” e dicirlle que pode facer máis cousas se quere.
Porque, nas dúas áreas de Cultura e Turismo, non son certos os datos que dá ou son medias verdades. Porque nestas dúas áreas ten á súa disposición case 40.000 € en cada unha delas para atender a todos os compromisos e actividades que queira facer. Polo tanto, as partidas de Cultura e Turismo nin están esgotadas nin mermadas como ela dicía.
E se isto non lle parece suficiente (ao redor de 40.000 € en cada unha destas áreas para o que queda de ano), ten que cumprir coas súas obrigas e traballar e buscar recursos para facer máis cousas. Porque non lles pagamos para queixarse e dicir que non poden facer nada, senón que lles pagamos para que fagan iso e moito máis buscando recursos e xestionando axudas.
Como fixemos nós, que deixamos asinados coa Deputación dous convenios que aportarán neste ano 12.000 € para a Feira do Bonito e 6.000 € para Produart. Ou conseguir, como nós o fixemos, aportación económica da Dirección Xeral de Turismo para dotarnos de material promocional como o stand que agora nos representa nas citas turísticas (e non ter, como facían eles, que descolgar catro cadros da Casa do Concello para levalos polas feiras adiante). Ou asinar, como nós asinamos, un convenio coa Deputación para actividades culturais de máis de 35.000 € para poder realizar actividades ante o recorte de subvencións da Xunta de Galiza. Ou conseguir que Mercedes Peón actúe este sábado en Burela de forma gratuíta.
E isto é o que ten que facer a Concelleira de Cultura e Turismo: demostrar a súa capacidade de xestión e buscar recursos económicos novos se considera que non lle chegan as cantidades que antes mencionei.