Nota de prensa:
MAÑÁ SÁBADO COMEZA EN BURELA O CURSO DE INTERPRETACIÓN QUE IMPARTE MARÍA BARCALA
A actriz de Teatro do Atlántico compartirá cos alumnos e alumnas que asistan o seu xeito de abordar a interpretación
LUGO, 1 de xullo de 2011. O proxecto teatral Buxiganga continúa desenvolvendo actividades en toda a provincia, incluída a zona da Mariña, na que esta iniciativa de teatro afeccionado está tendo unha moi boa acollida tanto por parte do público que asiste ás representacións como dos propios actores e actrices. Mañá dará comezo na casa da cultura de Burela o curso impartido pola actriz María Barcala, que ensinará mañá sábado, e tamén os días 9, 16 e 23 de xullo, o seu xeito de abordar a interpretación aos alumnos e alumnas, membros de distintas compañías de teatro da Mariña.
María Barcala é Co-directora da Compañía Teatro do Atlántico (Culleredo – A Coruña, creada en 1985), e traballou coas compañías Teatro da Mari-Gaila, Teatro do Noroeste e Itaca Teatro (Santiago de Compostela), Teatro Guirigai (Madrid) e Centro Dramático Gallego (Santiago de Compostela). Por outra banda, a súa compañeira de reparto na última montaxe da compañía Teatro do Atlántico, Lucía Regueiro, impartirá o seguinte curso de Buxiganga na Mariña, que se desenvolverá os días 3, 9, 16 e 23 de setembro, tamén en Burela.
Buxiganga é un proxecto teatral global, que conta con varias ramas e unha delas é este programa formativo para actores e actrices. Un dos grandes éxitos de Buxiganga é a creación de novos grupos, pasando a integrar o circuíto Buxiganga 22 grupos onde había 12 grupos de teatro cando comezou. Os cursos están impartidos por profesionais das diferentes especialidades de recoñecido prestixio a nivel nacional: ademais de María Barcala, están impartindo cursos Avelino González ou Jorge Coira, entre outros.